Tirán desperdicia a oportunidade dada polo vento

traiñeiras

San Juan, dende a primeira quenda, gaña en Zierbena coa "Mar do Con" na sexta praza

Jorge castro. Vigo deportesac@atlantico.net

Publicado: 04 jul 2016 - 04:13 Actualizado: 05 jul 2016 - 04:31

Suso Hermelo mete a pican cunha ceavoga de Tirán Pereira.
Suso Hermelo mete a pican cunha ceavoga de Tirán Pereira.

Tres regatas e non é a tempada de Tirán Pereira, polo momento. O sábado o barco moañés caeu ata a novena posición, o que obrigou a partir onte dende a quenda inicial, pero esta particularidade viña con premio. Nun día que comezou con sol e calma, apareceu a brisa mariña pasado o mediodía, cando as tripulacións xa estaban na segunda metade da súa regata.

Xunto a San Juan, Portugalete e Zumaia, a "Mar do Con" tiña unha boa oportunidade para aproveitar o agasallo meteorolóxico e colleuno a medias. Pola súa banda, a embarcación de Pasaia aproveitouno dende o comezo ata o final para gañar a bandeira dende a quenda inicial. Unha vitoria tras unha boa regata que a meteoroloxía converteu en excelente por dezaoito centésimas. Foi o tempo que separou ó gañador de Urdaibai, segundo.

Loitar polas catro primeiras posicións tiña como obriga manter o ritmo de San Juan. Non o acadou Tirán Pereira, a pesar de vogar á súa beira. No primeiro longo a distancia entre os dous botes xa estaba nos seis segundos e marchou ata os once na metade de regata. Tirán deixaba á súa popa a Zumaia e Portugalete porque son dúas das tres traiñeiras, xunto con San Pedro, que están un chanzo por debaixo da clase media. Loitan por evitar o descenso.

Na segunda metade de regata o vento comezou a soprar, pero San Juan aproveitou todos os minutos de calma. Non o fixo como debería a tripulación moañesa. Mal día para non estar inspirado porque, de estalo, o premio podía ser unha bandeira como a que levantou San Juan. A súa segunda vitoria na historia da Liga ACT.

A quenda intermedia volveu a poñer de manifesto a igualdade na zona media da competición. A Ziérbena adestrada polo vigués Juan Zunzunegui saíu a un ritmo tan forte que rematou por pagalo despois da ceavoga de terra. Tiña ambición o bote local e rematou por ser excesiva e estivo preto de arrastrar con ela a Astillero. A tripulación cántabra tentou seguir a vasca e, ó final, comprobou cómo Cabo da Cruz superaba ás dúas pasado o ecuador da proba. De estar tres barcos no mesmo segundo a marcharse a tripulación de Boiro para gañar a manga.

A esa altura de regata xa se sabía que San Juan tiña rexistros de aspiración a vitoria e que Tirán aspiraba a estar na primeira metade da táboa. Rematou por confirmarse esta situación coa quenda de honra, que viviu un guión inesperado.

Urdaibai tivo que esperar á terceira regata do ano para superar a Hondarribia. A "Ama Guadalupekoa" marcou o ritmo da proba ata a terceira baliza, pero afundiuse de xeito sorprendente no último longo mentres que os de Bermeo pasaban da terceira a primeira posición de quenda. Quedaba por saber se superaba a San Juan e quedou a case nada. Nun magnífico último longo, a diferencia favorable á embarcación de Pasaia foise reducindo, pero ó final quedou en positivo por dezaoito centésimas.

Urdaibai quedou a un pasiño da vitoria e tamén do liderado en solitario porque Hondarribia, despois de dúas vitorias, fallou na primeira regata con onda. Foi cuarta e agora está empatada no máis alto da clasificación co barco de Bermeo. Desempatan os triunfos, pero a loita promete ser forte e longa.n

Contenido patrocinado

stats