Tirán consumou o seu descenso desde a Liga Euskotren

Traiñeiras

Tirán Pereira pechou onte a regata en Zarautz regresa á Liga Galega

Tirán confirmou o descenso de xeito matemático en Zarautz.
Tirán confirmou o descenso de xeito matemático en Zarautz.

A tripulación de Tirán Pereira certificou onte o seu descenso dende a Liga Euskotren cara a Liga Galega tras pechar a primera xornada da ‘ikurriña’ de Zarautz. A perda da categoría xa era unha cuestión de tempo porque estaba lonxe de Cabo da Cruz, penúltima clasificada, e confirmouse onte. A pesar do desenlace, o barco moañés asinou unha tempada algo mellor que o pasado curso, na que debutou na máxima categoría e tamén pechou a clasificación, pero non baixou xa que tiñan a praza protexida.

Non será así esta tempada. As remeiras de David Serodio incrementaron algo o nivel e loitaron en varias regatas na súa quenda, pero nas últimas semanas quedaron claramente descolgadas. Onte, na penúltima xornada ligueira, a tripulación trocou o seu barco habitual e vogou cunha traiñeira a préstamo por parte de Mugardos no intento de mellorar as prestacións, pero a proba non resultou favorable porque quedou lonxe do resto de traiñeiras. Dende os primeiros metros xa perdeu tempo ata entrar moi lonxe de Hondarribia, que foi o barco máis rápido na quenda inicial do día, na que Cabo da Cruz, que ocupa o posto de promoción, recurtou un punto a Hibaika e, aínda que a misión é difícil, hoxe tentará sobrepasala na táboa para garantir a permanencia na categoría.

Na loita pola vitoria, Donostia Arraun Lagunak, coa canguesa Bea Piñeiro, obtivo a primeira posición e hoxe buscará pechar a tempada con pleno de vitorias. Un feito histórico. O título xa o ten asegurado dende hai semanas e o barco de Orio situouse onte na segunda praza da clasificación xeral, que defenderá hoxe ante Tolosa.

No referente á categoría masculina da ACT, a Liga Eusko Label, a vitoria marchou para Urdaibai e Bueu, que pecha a clasificación, asinou a mellor actuación do ano porque rematou na décima praza. É a primeira ocasión do curso na que a “Maruxía” elude os dous últimos postos. Unha boa nova na parte final do curso, xa que o descenso parece inexorable.

Contenido patrocinado

stats