Szembery engádese a un Porriño coa duda de Bono

Balonmano | División de Honra

O equipo louriñés viaxa a Canarias con baixas na primera liña e a dúbida da central arxentina

Caro Bono é dúbida para o partido de hoxe en Canarias.
Caro Bono é dúbida para o partido de hoxe en Canarias. | JV Landín

O Conservas Orbe Zendal Porriño desprázase ata Canarias para medirse esta noite (20:30) ó Rocasa Gran Canaria nun desprazamento moi duro para a formación louriñesa, que padece un número notable de baixas e, aínda que recupera xogadoras, non está para grandes esforzos.

A primeira liña Vicky Szembery engádese ó grupo de Isma Martínez tras facer os dous adestramentos da semana e despois dun mes fóra das pistas. Unha situación similar á da porteira Ana Belén Palomino, que viaxa, pero “non ten ritmo de competición”, admite o adestrador. Isabella Ferrarín volverá a ser a cancerbeira e deberá manter o bo estado de forma para que o seu equipo teña opcións de vitoria. As malas novas increméntanse porque a central Carolina Bono, designada onte mellor xogadora da pasada xornada, padece problemas intestinais e leva dous días sen adestrar. O equipo apurará para ver se pode tomar o avión á primeira hora, xa que a expedición viaxa no día. Juliana Santos, Aitana Santomé e Aroa Fernández, todas da primeira liña, continúan de baixa.

Un auténtico ‘parte de guerra’ para o Porriño, que chega ó partido nun gran momento de resultados tras encadear tres vitorias consecutivas e situarse na cuarta praza con dez puntos, dous máis que un Rocasa que é sexto. É a loita pola axitada zona media da División de Honra na que, polo momento, destaca a formación louriñesa, que esta tempada padeceu moitos trocos pero que asina un gran comezo de liga.

Contenido patrocinado

stats