Subida ao Castro: atletismo en el centro de Vigo

Atletismo

A Subida ao Castro completárona 421 atletas, con vitoria para Andrea Iglesias, que repite triunfo, e para David González Borges, que estrease no palmarés ós 20 anos de idade

Publicado: 29 ene 2024 - 03:00 Actualizado: 29 ene 2024 - 09:38

Os atletas toman a saída nas Avenidas para afrontar unha nova edición da Subida ao Castro.
Os atletas toman a saída nas Avenidas para afrontar unha nova edición da Subida ao Castro.

Poucas cousas poden ser tan cuantificables como o paso do tempo. Hai segundos, minutos, horas, días, milésimas, anos luz… Cousas e cousas para medilo nas súas diferentes formas. Aínda así, é relativo, depende de cada perspectiva persoal, de cada circunstancia, de cada contexto. E na Subida ao Castro o tempo alóngase, dilátase, os segundos pasan máis lentos e un minuto parece cinco. E, cos anos, na análise das caras gañadoras, das camisolas do cumio do Castro e nos participantes que ascenden a ladeira, pódese comprobar a influencia dese paso do tempo, aínda que sempre relativo.

Así, a primeira posición foi para o vigués David González Borges, que encabezou o trío do Delikia no podio, e cos seus 20 anos, estreouse no palmarés da proba. Cando comezou o evento, era un neno de menos de tres, que aínda non sabía que o deporte ía estar no seu futuro e, probablemente, tampouco o sabía cando de neno, casi como un xogo, participou por primeira vez na carreira. Xa de adulto e como proxecto de triatleta de élite, xa que está no Centro de Tecnificación de Galicia, acadou a primeira posición. O paso do tempo é inexorable e relativo.

Así o foi tamén para a gañadora feminina, a viguesa Andrea Iglesias Carballido, que xa polos 36 anos, revalidou o título obtido na pasada edición pese a que tiña dúbidas de se anotarse porque é moi dura. Dificultade concentrada en 14 minutos e medio que foi o que tardou en cubrir o trazado entre as Avenidas e o alto do monte. Un tempo ridículo para unha deportista acostumada a esforzos de varias horas, incluso de preto das dez que esixe un Ironman. O tempo é relativo.

Cada segundo conta no ascenso ó Castro porque é a carreira máis curta e a máis longa. O segundos pasan lentos ou demasiado rápido entre a Praza do Rei e o alto do monte. Chanzo a chanzo, chegan as explosións e a distancia cae. Ata as escaleiras da II Segunda República, o grupo do Delikia permanecía unido: David González, Emilio Tizón, Martín Barreiro e Diego Rodríguez. O gañador marchouse pronto do resto e, por detrás, entraron no Castro unidos. Pronto tomou renda Emilio Tizón, Martín Barreiro aguantou con padecementos ata arriba para ser terceiro e a explosión -que sempre existe algunha- asinouna Diego Rodríguez, que baixou ata a quinta posición ó ser adiantado por Miguel Daporta. De feito, Rodríguez perdeu no tramo de chanzos ata 25 segundos con Tizón, e comezou o treito ó seu par. Datos de que uns segundos poden ser moi moi longos, case a eternidade.

En mulleres, a emoción durou o que tardou Andrea Iglesias en situarse nas primeiras posicións e dar a volta chá inicial pola zona portuaria cunha clara renda sobre Noemí Álvarez. A loita entre a gañadora da proba e a triunfadora do certame Run Run Vigo decantouse para a triatleta, que moveuse ben para chegar diante ás escaleiras. E alí tiña todos os billetes para impoñerse porque o físico de triatlón sempre é máis recomendable nos chanzos. Pola súa banda, Álvarez asegurou a segunda posición con serenidade e sen opcións de visualizar á gañadora en toda a subida final, mentres que o terceiro posto foi loitado. Nesta batalla Julia Sampedro tirou de experiencia e de coñecemento do percorrido para bater por oito segundos á nadadora Ana Pérez García-Picher, que vive o seu segundo ano no atletismo popular. E a Subida ao Castro esixe coñecer ben a cita para render porque é chave saber os tempos, o lugar para subir o ritmo e para calmarse. É a carreira máis curta, pero a máis longa.

Aínda que todo é relativo porque o case debutante David González disputou por primeira vez a proba ó seu máximo nivel e acadou a vitoria. O coñecemento serve para gañar segundos chave, pero o motor propio sempre é a base. E, pouco a pouco, diversos atletas ían chegando ó cumio. Uns con máis mérito que outros porque non todos tiñan a mesma condición. Iso si, en xeral, a esixencia propia era notable porque o Castro pouco deixa especular. Na meta, o monte urbano deixa grandes vistas que gozaron os participantes, aínda que as nubes evitaron ter un día deses azuis de postal. E alí, xa con repouso, os ritmos pasan a ser pausados, con calma e unha nai colle ó seu fillo en brazos por primeira vez despois da Subida ao Castro porque o neno ten menos dun ano. Uns 365 días que seguro que para elas foron moito máis relevantes que os de capítulos anteriores. Incluso, un dos corredores decatouse de súpeto que o tempo non perdoa ó ver a categoría M2 á beira do seu nome. O tempo é relativo e, ás veces, suma unha década en segundos.

Contenido patrocinado

stats