fútbol | mundial 2030
Louzán recibe a la delegación de la FIFA que visitará las sedes
Raid
Un Peugeot 205, unha parella de namorados do motor da Cañiza, un raid solidario e 3.000 quilómetros por diante na cordilleira do Atlas e no deserto. Hai desafíos que pide o corpo e que, ademais, teñen un punto solidario. E neste extraordinario contexto, as camisolas do Balonmán Cañiza están arestora nos poboados de casas de adobe do Atlas e para quecer cativos en tendas de campá dun poboado nómade. Hai liñas que traza o deporte que poden ser inimaxinables e esta vai dende a capital do Paradanta ata o deserto do Sáhara.
“Levabamos anotados ó Uniraid dous anos, pero por motivos laborais non puidemos ir. Decidimos acudir este a última hora. Mercamos o coche tres meses antes e había que facerlle un montón de cousas. Foi todo a contrarreloxo. Pero bueno, conseguiuse”, relata Júnior Rodríguez, de 32 anos e impulsor da aventura. Foi o primeiro en dar o paso, ó comezo con outro acompañante, pero “botouse atrás e xa lle había comentado a aventura a Brais. Díxenlle que eu ía ir seguro e el animouse”, engade.
É unha experiencia incrible, de desconexión total e con solpores fantásticos"
O coche levaba máis de tres anos tirado nunha leira. Fixemos todo o mantemento”
Así o confirma o seu compañeiro e tamén engade que emprenderon en febreiro esta cita porque “sempre quixemos facer algunha aventura deste tipo, estilo o Dakar. O que pasa é que é moi caro. Este é diferente, convenceunos e adiante”. Tiñan a inscrición, o equipo, pero faltaba o coche e tiña que ser un vehículo de máis de vinte anos. “O coche xa participou no Uniraid no ano 2020, o que pasa é que levaba todos estes anos aparcado nunha leira ata outubro. Estaba todo oxidado... Non había por onde collelo, o que pasa é que o dono deunos bastantes recambios e foi o que nos convenceu. Ademais, non había outra opción”, aclara Júnior. Tres meses de contrarreloxo para poñer a punto o Peugeot 205, que é un deses vehículos de mecánica antiga que son “doados de reparar e isto e chave nesta proba”, admite o aventureiro. Iso si, tiveron que facer unha boa inversión: “O mantemento tivemos que facelo todo: suspensión, resortes de palieres... Todo o que hai que facer mantemento, o que se poida imaxinar. Incluída a instalación para evitar problemas. E sucedeu, que alí portouse incrible. Foron 5.000 quilómetros nunha semana e o único problema que deu foi unha correa do alternador que, coa temperatura e a area, é o normal que rompa. O coche é un fenómeno”.
Non sería o único esforzo que tivo que facer o vehículo e aí está a unión co Balonmán Cañiza. A parella bautizou a humilde aventura como ‘Terra Xamón’ e comezou a buscar apoios polo seu lugar de orixe porque os dous son “da Cañiza centro”. Así, xurdiron os apoios achegados como A Broa, Xatomé ou Neumáticos Pereiras, ata unha listaxe case infinita de apoios monetarios e en especie porque “unha das cousas que nos decantou por esta proba e o carácter solidario. É obrigatorio levar 40 quilos de axuda e nós acadamos ata 150”, expresa Brais Rodríguez. “A xente portouse moi ben en pouco tempo, puxemos tres puntos de recollida e superou todas as expectativas. Algunhas cousas tiveron que quedar e estamos pendentes de envialas. O coche ía case tocando nas rodas ó metelo no ferry”, engade.
Entre as entidades que colaboraron estivo o Balonmán Cañiza, que enviou material deportivo e estas prendas foron dadas en persoa polo dúo. “Unha parte a tes que entregar á organización e eles van repartindo por uns lugares que teñen marcados. Son as cousas máis específicas, como medicamentos ou cadeiras de rodas. A maior cantidade vai paran escolas”, engade Brais. Non obstante, “unha parte viaxa con nós no coche. Non se pode cargar máis porque sería imposible avanzar. Somos nós os que, ó chegar a certos sitios, entregamos a axuda. Temos os consellos da organización, pero xa notas os lugares con maior necesidade”, relata. Un dos momentos máis emotivos da viaxe para o dúo tivo como protagonistas ás camisolas do Balonmán Cañiza. “Topamos cun pobo nómade que estaban no medio do deserto. Non tiñan case nada e alí quedaron moitas das camisolas. É xente moi moi agradecida. Nada que llez dás e xa enchen de gratitude. Se é un bolígrafo xa quedan moi contentos e se é un balón ou unha camisola, nin che conto”, engade o aventureiro e confirma o seu compañeiro Júnior: “Da metade sur de Marrocos cara o Ecuador son moi humildes e agradecen moito”.
Había que levar 40 quilos de axuda e nós acadamos 150. A xente volcouse”
Moitas das camisolas do balonmán foron para os nenos dun poboado nómade do deserto"
O compoñente solidario non era a única motivación nin o único aspecto da aventura porque os dous pilotos vanse alternando na condución, xa que a navegación é básica.“O roteiro vai en roadbook e non en GPS, de xeito que tes que ir seguindo a ollo. Pon os tramos, por exemplo, en douscentos metros xira a dereita ou en 900 metros coller rumbo 270 graos”, indica Júnior. O seu compañeiro Brais matiza que “é o que fai interesante a aventura. Era unha das motivacións pola que escollemos este raid. E outra, que non é competitivo. O importante é a regularidade e chegar ó final”.
Todo isto nunha espectacular viaxe por Marrocos polos lugares menos transitados e de maior beleza. “Atravesamos o Atlas, chegamos a estar a uns corenta quilómetros de Arxelia e regresamos ó norte para cruzar as montañas outra vez”, indica Júnior. Así atoparon unha aventura que repetirán o vindeiro ano porque xa teñen “a experiencia e o coche. Sabemos como facer as cousas e que temos que mellorar a suspensión traseira porque racha cada tres días”. Unha das cousas dunha aventura que compensa e moito: “É unha semana de desconexión total. Levántaste e túmbaste no medio da nada e cuns abrentes e uns solpores que son incribles. Dígolle a calquera que non o pense”. África. O mesmo planeta, outro mundo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
fútbol | mundial 2030
Louzán recibe a la delegación de la FIFA que visitará las sedes
Fútbol | segunda federación
La gasolina está muy cara
Carreira de montaña
Moito monte por asaltar