Samertolameu recibe unha onda de realidade en Donostia
A Donostiarra arrasou con vitorias nas regatas masculina e feminina, na que Tirán foi última
A estrea de Samertolameude Meira na presente Liga ACT deixou unhas sensacións fantásticas e un noveno posto que daba as mellores esperanzas ó bote moañés de cara a permanencia. Sobre todo, tendo en conta que a regata era nun mar bravo supostamente pouco propicio para a tripulación. Pero na máxima categoría, todo muda de babor a estribor. Nun instante. E a “Terca” entendeu onte que isto non vai do que fixeches; vai do que fas. A traiñeira verde foi onte a pechacancelas da Bandeira Fabrika de Donostia e perdeu dous postos na xeral. Pero a mesma parte mala da ACT tamén pode ser boa e a tripulación de David Costa ten hoxe mesmo a ocasión en Zierbena (12:15, TVG2) que o de onte foi un accidente.
Todo nunha tarde máxica de Donostiarra, que vogou na súa cidade para gañar as dúas regatas. Tanto homes como mulleres apañaron magníficas vitorias diante dos seus siareiros. Eles, dende a segunda tanda, cun rendemento estratosférico co que superou á Zierbena de Dani Pérez. O bote viscaiño, que hoxe rema na casa, volveu dar un nivel fabuloso despois de gañar na Coruña a semana pasada e reforza o seu liderado. Urdaibai, tamén na segunda tanda, soubo seguir a estela dos vencedores para finalizar no terceiro lugar.
En clave galega, Cabo da Cruz gañou con autoridade a primeira quenda, na que ía Meira. Serviulle para obter un magnífico quinto posto que lle permite dar un importante chimpo na clasificación só seis días despois das dúbidas expostas en Riazor.
De feito, o barco da Barbanza sitúase agora no oitavo posto da xeral, na que Meira é penúltimo con 5 puntos -dous máis que Santurtzi-. Zierbena, líder, buscará a súa segunda Bandeira hoxe na casa.
Tirán, de novo pechacancelas
A regata feminina deixou un fermoso derbi entre a Donostiarra e Lagunak, que caeu do lado das primeiras. Tirán, pola súa banda, volveu a acadar o posto no que apunta a estar todo o verán. A “Ruly” rematou a máis dun minuto das vencedoras e a 20 segundos de Cabo, penúltima. O obxectivo para as moañesas é aprender. E máis, tendo en conta que non poden descender por normativa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último