A revolución para 2027

Liga Galega de Traiñeiras

A Liga trocará a estrutura para 2027 para ter unha liga A masculina con 8 barcos e unha feminina de 4, que compartirán calendario, e haberá segunda división nas mulleres

A Liga Galega de Traiñeiras afrontará un notable troco no ano 2027 crea unha segunda categoría feminina e a unificación de calendarios.
A Liga Galega de Traiñeiras afrontará un notable troco no ano 2027 crea unha segunda categoría feminina e a unificación de calendarios. | Vicente Alonso

Trocos para 2027 coa intención de modificar a estrutura do remo galego. A Liga Galega de Traiñeiras mudará ó final da vindeira tempada a súa configuración para pasar dunha división por sexos e categorías a eliminar o primeiro factor e quedar en dous chanzos as ligas. Haberá unha primeira división, masculina e feminina, e tamén unha segunda, con igual formato.

O nivel alto, a máxima división, quedará configurada por oito traiñeiras masculinas e catro femininas. A Liga A será co mesmo calendario para ambos sexos, pero repartirá un título en homes e un título en mulleres. Unha versión similar ó que sucede agora na ACT, pero coa diferenza de que as doce traiñeras farán todas as regatas. A tempada será, como mínimo, dunha ducia de probas -unha por barco- e poderá aumentarse con regatas privadas que poida pactar a organización da Liga Galega como o Teresa Herrera. Este é a configuración da máxima categoría.

Para o segundo chanzo quedarán o resto de traiñeiras que non entren na Liga A, tanto de homes como de mulleres. Esta segunda categoría terá unha concepción diferente, máis centrada na promoción, cun calendario máis curto e con menos barreiras de entrada para os clubs que se incorporen á competición. Aínda queda por saberse o concreto desta proposta, pero o segundo chanzo do remo galego quedará limitado a un calendario de oito a dez probas e, á ser posible, na primeira metade do estío, para que os remeiros poidan ter vacacións en agosto. Precisamente, ocupar todo o verán é un dos principais factores de abandono no remo e, con este xeito, intentarase limitar as perdas.

Toda esta reformulación será en 2027 e, polo tanto, o curso 2026 é de transición. Na Liga Galega A masculina hai 12 traiñeiras con dereito a participación, polo que catro ou cinco -en función dos descensos- quedarán fóra da primeira división para o ano seguinte. Queda por coñecer o número de barcos que competirán la Liga B, que será reducido. E a gran criba chegará en mulleres. En 2025, ata dez barcos afrontaron o curso na Liga Feminina e, de manterse o número, soamente catro formarán parte da Liga Galega A en 2027. O resto pasarán á segunda categoría. Se se manteñen as cifras dos últimos anos, o número de barcos de homes e de mulleres nesta segunda categoría será similar, mentres que na primeira división haberá o dobre de barcos masculinos que femininos.

Máis alá do troco no número de barcos, a Liga Galega quere facer unha modificación de filosofía, cunha división de alto rendemento e outra máis de promoción.

Chapela feminino afronta trocos

O grupo feminino de Chapela comezou nas últimas semanas o traballo para a vindeira tempada e conta cun plantel amplo de preto de vinte remeiras, pero tamén padece baixas importantes do barco que gañou as últimas edicións da Liga Galega. As irmáns Marina e Antía Domínguez, Noa Viaño ou Laura Carracedo non contan con seguir. En todo caso, aínda é o comezo do curso e poderá cambiar a situación. O relevante para o club do Paseo de Cardona é que conta con grupo amplo.

Contenido patrocinado

stats