Un remonte para Luis Fernández
Piragüismo
O canoísta de Salceda prepara a tempada na casa e pola súa conta, sen adestrador
Nas competicións de slalom en augas bravas, o remonte é a porta vermella, a que ten que pasar o padexeiro na dirección contraria á corrente. Debe xirar, padexar contra a forza da auga, pasar o pau e volver a deslizarse río abaixo. O salcedense Luis Fernández leva anos nesta modalidade deportiva e vive uns meses nos que a súa vida deportiva está nun deses remontes, tan necesarios, para regresar o punto necesario e volver a tomar velocidade. Adestra en Salceda, na casa, onde traballa no Mere Fit a xornada parcial e adestra o resto do tempo. “Estarei así ata xaneiro, cando buscarei ir ó estranxeiro para preparar o forte da tempada”, explica o deportista.
Non é un momento sinxelo, pero o padexeiro, ós 28 anos, aposta por manterse na elite da súa disciplina, pese a que carece de toda axuda federativa. Unha loita por estar entre os mellores porque “sei que podo volver a estar na selección española”, asegura. Iso si, no tempo presente, “estou completamente en solitario. Levo dous anos sen entrar no equipo, as axudas vanse e dende a federación decidiron apostar por outros deportistas de menor idade. Non teño nin adestrador. Este ano quedei segundo no Campionato de España -en C1-, pero é unha competición que apenas conta", relata o salcedense.
Polo tanto, rematou no final do estío a competición e tiña uns meses parar pensar e para formular o futuro. “Botei o meu currículo en varios sitios, como todos”, explica Luis Fernández. Obtivo unha das mellores respostas posible porque respondeulle unha empresa de Salceda con boas condicións para adestrar: “Teño contrato por uns meses de preparador físico con 24 horas á semana. Isto permíteme, por exemplo, se traballo de tarde, adestrar no ximnasio e no auga pola mañá”, relata Luis Fernández e engade que “a verdade é que estou moi contento. Estou no que me formei e, incluso, comentáronme que o vindeiro ano, no tempo que pase na casa, fale con eles, que poderían darme traballo”.
Teño un traballo a tempo parcial, polo que podo adestrar; Mondariz é o epicentro"
Agora non teño adestrador; coa experiencia e coa miña formación, fixen eu o plan"
Unha situación laboral axustada e unha deportiva moi peculiar porque, coa súa experiencia, Luis Fernández é o seu propio adestrador no remonte da carreira como deportista no que se atopa. “Fixen a planificación de toda a tempada en función da experiencia e da miña formación. Teño semanas de máis carga e outras de menos e, semana a semana, afino as sesións que tocan”, describe o salcedense. Ata o punto de que “ás veces, en adestramentos duros, penso para que me poño eu algo así. Pero faíse e xa está. É necesario”. Polo tanto, non pode considerarse un adestrador suave consigo mesmo.
A situación ven dada por varias causas. A primeira é estar fóra da selección española e a segunda porque “co meu adestrador xa deixei de traballar ó non ir os Xogos e, ademais, el agora pediu unha excedencia e tampouco está no equipo nacional". Todo xunto para encamiñar a Luis Fernández cara a autopreparación. Pero non será sempre así porque co troco de ano buscará un técnico. “Aínda non o teño decidido ó 100% ir a Ivrea, pero case case. O aloxamento sae mellor de prezo que en La Seu e, despois, alí os gastos son máis ou menos iguais”, argumenta. E, unha vez chegue ó Piamonte, ó norte de Turín e ós pés dos Alpes, “buscarei a alguén. Ou un adestrador do club de alí ou xa falei con varios que teñen grupo e cos que poderei adestrar, non todos, pero si un par de días á semana”.
Polo tanto, Luis Fernández xa ten, máis ou menos, planificada toda a tempada na localidade italiana e nunha canle, a de Ivrea, que está dentro das habituais do calendario internacional. De feito, “é unha canle máis agresiva e pódeme vir ben para adestrar porque esixe unha preparación algo máis extrema”, explica Luis Fernández. O lugar é realmente peculiar porque as portas están situadas no medio da localidade baixo o Ponte Vecchio no curso do río Dora Baltea. Na marxe fluvial están as rúas da localidade. Una fermosa postal.
En xaneiro teño a idea de mudarme a Ivrea para adestrar alí máis forte e tentar entrar na selección"
O campo de Mondariz non dá para moito, teño que mover as pedras coas mans para facer algo"
Alí será o lugar no que Luis Fernández cargue a maior parte da preparación para intentar regresar á selección española, aínda que admite que “ata o momento, non sei cal vai a ser o sistema de clasificación. O ano pasado trocaron o habitual e non sei cal vai ser”. Ó que engade que “a Galicia non chegan as novas do que están traballando”. Estará atento e, salvo unha sorpresa notable, a chave estará nas seleccións que habitualmente se celebran en primavera coas primeiras competicións do ano e antes de arrincar o calendario internacional de slalom.
Todo é futuro, pero que está sendo traballado no presente. No ximnasio e tamén no río Tea, orixe de Luis Fernández e agora, co vello treito de Cordeiro fóra de xogo dende hai uns anos, “Mondariz é o epicentro da preparación”. O que pasa é que, como repetiu en numerosas ocasións, “non dá para facer gran cousa. Se queres ter nivel, tes que marchar de Galicia”. Mentres non pode facelo, adestra no que hai e as choivas dos últimos días melloraron as condicións. “Empezan a aparecer os rápidos”, pero tamén lamenta que “se deixasen usar maquinaria para mover as pedras sería moito mellor e podíamos ter algo de máis calidade. Soamente podemos movelas á man e así o fixemos a pasada semana, pero ten pouca marxe”. É a realidade dun Luis Fernández que ós 28 anos conserva todas as gañas do mundo en manterse no deporte. Adestra por si mesmo, buscou traballo pola súa conta e planifica unha tempada ó marxe da federación. “Teño gañas e estou motivado por adestrar e, se a cousa vai mal, estou nunha idade ideal para tomar outro camiño afastado do piragüismo”, relata Luis Fernández dende o seu remonte temporal en Salceda.
Contenido patrocinado
También te puede interesar