O inverno está no esquecemento

segunda división b

O Celta B superou ó líder, o Rayo Majadahonda, e regresa á loita por meterse nas prazas de promoción de ascenso

jorge castro. Vigo deportesad@atlantico.net

Publicado: 02 abr 2018 - 02:10 Actualizado: 02 abr 2018 - 23:47

Agus Medina tenta controlar o balón nunha acción do partido de onte xogado en Barreiro entre o Celta B e o Rayo Majadahonda.
Agus Medina tenta controlar o balón nunha acción do partido de onte xogado en Barreiro entre o Celta B e o Rayo Majadahonda.

O Celta B está de volta. O de comezo da tempada, o que estivo no liderado durante moitas xornadas e o que apuntaba a loitar pola primeira posición do grupo. Regresou ese equipo con forza e onte confirmouno no que, probablemente, foi o mellor partido dos xogadores de Rubén Albés na presente tempada. Con seriedade en defensa, traballo colectivo e velocidade nas transicións para aproveitar os metros que deixaba o Rayo Majadahonda, líder da categoría, porque trata o balón de xeito exquisito. Non é casualidade a súa posición.

Precisamente, o filial céltico aproveitou este feito para explotar unha das súas mellores armas, a velocidade. E tamén a un Dennis Eckert que deu un paso adiante no referente á adaptación ó xogo en España e tamén ós seus compañeiros. O dianteiro alemán con nai tudense atopouse feliz no campo aberto para correr e explotar a súa forza. Non é de moitos tecnicismos e goza no fútbol rápido. No segundo minuto atopou a primeira acción o Celta. Tres toques e mal pase de Juan Hernández cando entraba o dianteiro para empurrar.

O propio Dennis entrou por banda dereita pouco despois pero o pase atrás non atopou rematador e, na seguinte acción, Dani Molina cedeu a Drazic, que rematou forte, pero sacou a man Basilio para enviar a saque de curruncho.

O Celta explotaba os metros entre a defensa visitante e seu porteiro. O equipo madrileño non atopaba o camiño cara Sotres. A presión constante da formación céltica era efectiva e o gol chegou nun balón recollido por Drazic, que enviou longo para a carreira de Dennis. Remate contundente cruzado e gol. Movemento de auténtico dianteiro clásico.

Tiña necesidade o líder da categoría e adiantou un pouco máis as liñas. Incluso trocou o debuxo táctico para mandar máis no xogo. Pouco a pouco, comezou a mover o balón como acostuma e meteu ó Celta B no seu campo. Aínda así, os futbolistas de Rubén Albés non pasaban por padecementos.

O partido estaba a mudar, pero chegou unha acción chave nun cambio de xogo para a incursión de Juan Hernández, que conectou o centro ó primeiro toque e bateu na man do defensa Andújar. O colexiado sinalou a pena máxima e o propio extremo do Celta enviouno ó fondo da rede. O tanto chegaba cando o Rayo Majadahonda comezaba a estar cómodo no partido e foi un verdadeiro lastre para o líder da categoría. Serviu para impulsar ós celestes cando empezaban a pagar o esforzo da presión e o ritmo trepidante da primeira metade.

No descanso quedou no banco Coto e saltou a Barreiro Dani Pichín. O extremo visitante creou problemas e nunha combinación con Óscar estivo Jeisson moi preto de marcar. Rematou no área pequena a un metro de Sotres, pero o balón petou en varias pernas.

O Celta xa estaba no papel decidido de esperar e correr. Tivo ocasións para facer o terceiro e o visitante Andújar disparou para comprobar que Sotres estaba no partido. Pasaban os minutos, cun voluntarioso Rayo Majadahonda, xa en inferioridade pola expulsión de De Frutos (min. 60). O peche do partido foi nunha acción pola dereita na que Dani Molina asistiu a Agus, que resolveu con acerto.

O Celta B é sexto a catro puntos da promoción de ascenso. Está de regreso na súa mellor versión despois de tres vitorias seguidas. O inverno foi duro, cunha xeira de dúas vitorias en catorce partidos, pero rematou.

Celta B:

Sotres, Kevin, Robert Costa, Ros, Alende, Dani Molina, Álex (Sebastiá, min.80), Juan Hernández, Drazic (Pastrana, min.72), Agus e Dennis (Aarón, min.85).

Rayo Majadahonda:

Basilio, Rubén, Óscar, Andújar, Jorge García (Chiki, min.82), Vicente, Ayoub (Dani Martínez, min.66) Coto (Pichín min. 46), Carlitos, De Frutos e Jeisson.

Goles:

1-0, min.22: Dennis; 2-0, min.36: Juan Hernández, de penalti; 3-0, min.85: Agus.

Árbitro:

Velasco Arbaiza, do comité vasco. Expulsou con dous cartóns amarelos a Alende (min. 93) polo Celta e a De Frutos (min. 60) e Carlitos (min. 90) polo Rayo Majadahonda. Amosou cartón amarelo aÁlex, Drazic, Aarón, Sebastiá; Vicente, Coto, Ayoub e Pichín.

Incidencias:

Partido correspondente á trixésimo segunda xornada.

Contenido patrocinado

stats