Montenegro amarga a Ucha

ciclismo volta a galicia

O ciclista porriñés asina a segunda posición por detrás do arxentino e Molina ponse líder

redacción. vigo
Publicado: 21 sep 2019 - 03:31 Actualizado: 22 sep 2019 - 02:15
Montenegro superou con claridade ó porriñés Jacobo Ucha na meta de Baiona.
Montenegro superou con claridade ó porriñés Jacobo Ucha na meta de Baiona.

O porriñés Jacobo Ucha prometeu dar espectáculo na presente Volta a Galicia e así o cumpriu na xornada de onte na que soamente foi superado na liña de chegada polo arxentino do Aluminios Cortizo-Anova Jorge Montenegro, o máis rápido do grupo, de catro ciclistas que chegaron a liña de meta en Baiona cuns metros de renda, transformados en catro segundos, sobre un reducido pelotón de vinte unidades con todos os grandes favoritos á vitoria despois dunha etapa moi rápida.

No referente á clasificación xeral, aínda está marcada pola contrarreloxo por equipos do xoves, pero con troco de líder porque o ciclista do Kometa –Fundación Contador– Alejandro Molina foi un dos integrantes do cuarteto de cabeza e arrebatou a primeira posición a Adriá Oliveras, que comanda o trío do Lizarte nas prazas altas da xeral. Ferrán Torrents é terceiro e Martí Márquez, cuarto.

En relación ó pelotón galego, Martín Lestido, líder do Supermercados Froiz, pechou o cuarteto de cabeza para ascender ó oitavo posto da xeral trala segunda etapa e figurar como primeiro de Galicia. É un dos principais candidatos á vitoria xeral, ó igual que o rendondelán do Rías Baixas, Samuel Blanco, que cruzou a liña de chegada no interior do pelotón principal e mantén as súas opcións de triunfo. Marcha décimo terceiro a 22 segundos do liderado.

A etapa estivo marcada pola alta velocidade e pola imposibilidade de facer a fuga do día. Eran moitos os ciclistas que querían formar parte do grupo de aventureiros na etapa da Volta a Galicia porque existían moitas opcións de chegar debido ás dificultades orográficas da segunda metade da etapa. Por iso, durante moitos quilómetros sucedéronse os ataques, pero chegar a consolidarse, ningún.

Nesta situación, o pelotón regresou a Baiona para ascender ó alto da Serra da Groba onde a carreira quedou totalmente seleccionada. O porriñés do Aluminios Alca, incorporado para esta cita polo equipo de Redondela, marchou do pelotón para unirse en cabeza con Patrick Videira (Fortunna), Alejandro Molina (Kometa) e Raúl García de Mateos (Cortizo). Un grupo de calidade, pero non tivo capacidade para abrir distancias co pelotón e o propio porriñés volveu atacar para marchar en solitario e pasar na primeira posición polo porto de montaña e iniciar a baixada ata Santa María de Oia. Tiña unha renda de medio minuto, pero despois empezou a ceder tempo xa que o Lizarte comezou a tirar do pelotón pola estrada da costa cara Cabo Silleiro.

Fernández Oliveira foi cazado e no ascenso ó faro rachouse a carreira de xeito definitivo co ataque de Molina, Lestido e Montenegro. Uns metros despois, xa na baixada, uniuse a eles Jacobo Ucha nunha demostración na súa capacidade como rodador.

O cuarteto chegou a Baiona cunha pequena renda, pero suficiente para loitar pola vitoria parcial, que marchou para o representante do Aluminios Cortizo-Anova, mentres que Ucha, que recalou no Club Ciclista Vigués para disputar a Volta a Galicia, finalizou na segunda posición nunha etapa na que estivo moi activo.

Tamén estivo en varios cortes o seu compañeiro de equipo Roberto Mediero, que amosaron os motivos polos que o Club Ciclista Vigués apostou por eles nesta cita. Unha situación similar a do Aluminios Alca con Rubén Fernández Oliveira, claro protagonista da etapa para unha formación humilde como a de Redondela, que comezou esta tempada a súa andaina no pelotón elite e sub-23.

A Volta a Galicia deixa hoxe a provincia de Pontevedra para vivir unha etapa no interior da Coruña entre Teixeiro (13:00) e Curtis (17:00). Na localidade de meta realízase un circuíto co duro alto da Queimada, que ten o último ascenso a cinco quilómetros da meta. Os corredores que mellor soben xa deben amosar o seu punto de forma para loitar pola etapa e a xeral. O Kometa e o Lizarte, cos seus corredores nas primeiras prazas da xeral, deberán ser os equipos que controlen a proba.n

Contenido patrocinado

stats