O monte gaña ó asfalto na noite entre Valença e Tui

Atletismo trail

O luso Ricardo Esteves e a tudense Leticia Diz acadan a vitoria no Trail Night Eurocidade

Os corredores pasan por diante da catedral de Tui nun momento da carreira de onte.
Os corredores pasan por diante da catedral de Tui nun momento da carreira de onte. | Vicente Alonso

A noite pode ser escura, de choiva ou vento, como a de onte. Pode moverse o aire e os camiños estar mollados, algúns esvaradíos. Unhas condicións para dar medo, para inspirar películas de terror, pero no ambiente atlético significa vivir un Trail Night Eurocidade un pouco máis puro e tamén técnico polas localidades veciñas e históricas de Valença do Minho e Tui. Así, nas dificultades, estivo a chave da vitoria de dous atletas máis centrados nas carreiras polo monte que no asfalto. Ricardo Esteves e a tudense Leticia Diz acadaron a primeira posición na proba longa de 16 quilómetros, mentres que Cristina Piñeiro e Diego Pons foron os gañadores na metade de distancia, a competición para os menos atrevidos.

Porque facer unha proba de 16.000 metros na escuridade con pasos por chanzos, zonas de herba, camiños de terra e máis dunha baixada con curvas é un esforzo para valentes cando choveu ó longo do día. Animáronse a facelo preto de 300 atletas, mentres que 450 remataron a proba de menor lonxitude, que non curta. Uns axudáronse ós outros aínda que os frontais foron a principal chave para poder cubrir os metros sen incidentes, aínda que sempre pode haber algún porque na dificultade está parte do encanto. Tamén pasar por unha fortaleza do século XII ou unha ponte internacional de 1884 ou diante dunha catedral con data de 1225.

Contenido patrocinado

stats