Mario Méndez e Paula Otero gañan a travesía no Tea
Natación
O vigués Mario Méndez, por un segundo, e Paula Otero, do Arteixo, de forma clara, acadaron a vitoria na categoría principal dunha travesía a nado Vila do Tea con 230 nadadores
Xornada abafante no val do Tea con máis de 35 graos. Un día para estar mergullado e, polo tanto, un sábado perfecto para a celebración da travesía a nado Vila do Tea. Polo menos, para os nadadores, porque os organizadores ou árbitros que tiñan que estar ó sol controlando a proba igual querían meterse no río e non saír. Pese a que a temperatura non invitaba a ir rápido, a cita estaba marcada pola competición e o entenderon os deportistas, que loitaron ó máximo das súas forzas para acadar a vitoria. Así o fixeron o vigués Mario Méndez a representante do Arteixo Paula Otero, que acadaron a primeira posición na categoría élite, puntuable para a Copa de España e o Circuito Galego de Augas Abertas.
Na división masculina, viviuse unha competición de gran nivel e final axustado, que non parecía que ía producirse xa que Méndez rachou a competición no primeiro quilómetro. Chegou a ter quince segundos de renda sobre outro vigués, Miguel Martínez, que tivo que encabezar a persecución para poñerse a sete segundos a falta dun terzo da proba. Aguantou Méndez para tocar a táboa de chegada cun segundo de renda sobre o canario Eduard Mannanov, que meteuse por diante de Miguel Martínez ó sprint.
En mulleres, a emoción foi menor porque Paula Otero mandou dende o comezo da proba cunha ampla renda sobre Inés Mourenza (Portamiñá) e a representante do club organizador, o Natación Ponteareas, Alba Ortiz. Na proba popular, a primeira praza foi para David Rodríguez (Cidade de Santiago) e a alicantina Sheila Sánchez nunha xornada na que tamén houbo probas para categorías inferiores. Seguramente, máis dun nadador optou por volver ó río tras comprobar ó saír del, o terrible calor da xornada no val do Tea.
Contenido patrocinado
También te puede interesar