As Lagoas converteuse nun mar de bágoas
rugby
O Kaleido Universidade quedou a un ensaio da permanencia en División de Honra B tras rematar o partido a menos dun metro da liña de marca do Gaztedi, que ascende
Un mar de bágoas. De ledicia vasca e de tristura local. De abatemento e case desesperación, de tocar cos dedos a permanencia despois de moitos padecementos. O Kaleido Vigo Rugby morreu a escasos centímetros da liña de ensaio, os que salvou o Gaztedi para meterse na División de Honra B na última eliminatoria do ano no mes de xuño. A que envía ó equipo vigués quince anos despois á terceira categoría do balón oval en España, unha división case esquecida e dende onde tentarán subir a vindeira tempada.
A resolución chegou nunha xornada para a heroicidade e o suspense. Tivo de todo o partido, pero o resumo foron eses dez minutos finais nos que o Kaleido Vigo tivo dúas, tres, catro, cinco ou case innumerables posesións para acadar o ensaio da permanencia, o que situaba o marcador por enriba dos dezaseis puntos de distancia, os que tiña que remontar ante un Gaztedi duro e asfixiado, que agarrouse ó partido e ó campo, loitou ata o final e, tamén é preciso dicilo, tivo esas pingueiras de sorte precisas para a gloria.
Chegaron nunha das penúltimas percusións dos locais, cando o Kaleido Vigo forzou dous balóns retidos ó seu rival para regresar ó ataque agónico co reloxo a punto de chegar ó minuto oitenta. Aí tivo a primeira gran opción para facer o ensaio da permanencia nunha apertura á liña de tres cuartos que pasou por todos os xogadores ata apoiar na esquina, pero nunha das transmisións o colexiado Gonzalo Pardo observou balón adiantado. Na melé, o equipo local recuperou o balón ó forzar un novo golpe de castigo e, agora xa sen tempo, encadernáronse as fases a menos de cinco metros da liña de ensaio. Unha e outra vez, o Gaztedi defendía cada intento. Iso si, en posicións máis adiantadas das que permite o regulamento. Neste caso, o Kaleido Vigo non tivo capacidade para terminar de rachar esta oposición e botou en falta o ombreiro doente de Tatafu, tamén certa lucidez na transmisión do oval e ata un punto máis de nivel na observación de Gonzalo Pardo.
O certo é que ó final, a menos de ese metro de facer o ensaio, chegou o balón adiantado, a melé rival co tempo cumprido, a vitoria máis amarga dos últimos quince anos. O 21-10 nun partido no que o Kaleido Vigo realizou case todo o preciso para levantar a eliminatoria, pero fallou na definición, case nunha descrición curta e rápida do que foi a súa tempada. Sempre preto, pero nunca sen chegar ó lugar adecuado a tempo.
Porque antes da resolución do encontro de onte, antes das bágoas, antes do balón adiantado, o equipo de Adrián Lago tivo un enfrontamento de ida no que encaixou un 36-19 que sería decisivo. Especialmente o ensaio do Gaztedi co tempo cumprido, o que non conseguiu o Kaleido Vigo onte.
Tamén, minutos antes da resolución tráxica, viviuse un encontro duro, con moita posesión do equipo vigués, que tentou someter ó seu rival por forza da dianteira e que o acadou durante moitos minutos. Pero tamén apareceron os erros, eses que rematan por decantar un partido, unha eliminatoria e unha permanencia. Durante a primeira media hora, o equipo vigués marrou varias opcións de ensaio na súa habitual ineficacia nos últimos metros e, xa no segundo tempo, tamén no treito final, quizais careceu da capacidade necesaria para rachar a defensa contraria coa liña de tres cuartos cando aparecía o desequilibrio. Os corredores, a pesar da moita posesión, tiveron poucos balóns e, especialmente, tivo poucos Uru, o xogador que debe rematar. Foi un detalle máis no mar de bágoas do descenso vigués.
Kaleido Universidade de Vigo:
Bargiela, Tito Prieto, Brizuela, Chema Fernández (Filgueira, min. 44), Carlos López, Nacho Villegas, Mauro González, Javi Abadía; David Riveiro, Valentín Gutirrez; Santi Gutiérrez (De Cabo, min. 41), Barandiarán, Calvo, Carlos Davila, Uru.
Gaztedi:
Xabier Antia, Xabier Bengoa (Suñe, min. 42), Zarrabeitia, Javier Romero, Danel Antuna (Pereyra, min. 76), Campo, Montalban, Jon Montoya; Lamelas, Josu Carrillo; Larrazkueta (Ureta, min. 31), Josu García, Jorge Golpe, Lander Arrue.
Anotacións:
3-0, min. 10: golpe de Carlos Davila; 3-7, min. 15: ensaio de Josu García, que pasa Carrillo; 8-7, min. 33: ensaio de Brizuela; 13-7, min. 38: ensaio de David Riveiro; 16-7, min. 50: golpe de Carlos Davila; 16-10, min. 55: golpe de Carrillo; 21-10, min. 57: ensaio de Javi Abadía.
Árbitro:
Gonzalo Pardo. Sen amonestacións.
Incidencias:
Campo das Lagoas. 400 persoas nas bancadas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
tenis en silla
De la Puente seguirá junto a Róber Rodríguez
Fútbol | segunda federación
El Coruxo obtiene la cesión de Pelayo García hasta fin de curso