Patinaje artístico
Joel Ribeiro, quinto clasificado en la Copa del Mundo de Cesena
Balonmán
Ás veces, a vida ten camiños para ti. Noutras ocasións, es ti quen decides. E tamén acontece que o que valía onte non vale hoxe. Porque o roteiro vital non é lineal. Isma Martínez (Cangas, 1983) sábeo ben. Hai cinco meses anunciou que deixaba o Porriño a final de tempada pola súa paternidade. “Quero ser un pai presente”, insiste. Pero a persistencia do clube louriñés en que siga e o sensacional nivel das xogadoras, semifinalistas ligueiras, achegan as dúbidas. El o valora, igual que outras ofertas que manexa. Iso si, a condición segue a ser a mesma: poder gozar do seu fillo, que nacerá en pouco máis de dúas semanas.
Como é un verán sen a pretempada na cabeza?
Difícil. Dos últimos 28 anos, é a primeira vez que pode chegar xullo sen comezar a adestrar. É un cambio vital importante, que teño que dixerir e asimilar. Pero a día de hoxe a situación é esa.
E como leva?
Ata agora non o pensei moito. Estes días xa escoitas á xente falar de planificacións e aparece a morriña. Un golpe de realidade. É unha decisión tomada en frío, aínda que vendo o comportamento do equipo nos últimos meses e que as xogadoras están insistindo moito en tentar que siga, é certo que en quente tomaría outra. Pero hai que valoralo todo e decidir en morno.
Que posibilidade ten o clube de convencerlle para seguir?
En xaneiro, ningunha. Mais, todo o que pasou dende aquela, fai que alomenos medite a decisión. O que conqueriu este grupo é unha tolemia. Fixo que recuperase a ilusión. Así que algunha opción hai. Estamos a valorar se se pode facer porque primeiro teñen que cambiar cousas. Seguir traballando do mesmo xeito sería completamente imposible na miña nova situación vital. Non é a única opción que valoro porque teño algunha máis. Son momentos de pensar moito.
"Cando rematou a tempada, tiven dúas reunións co Porriño e todo orientouse a ver como se pode conciliar a vida que me ven coa que levaba ata agora"
A prioridade é ser un pai presente.
Si, claro. Decida o que decida, será pensando niso porque é prioritario para min. Cando rematou a tempada, tiven dúas reunións co Porriño e todo orientouse a ver como se pode conciliar a vida que me ven coa que levaba ata agora. O clube está a facer esforzos e eu os valoro moito. Pero son aspectos que deben mudar, independentemente de que eu siga ou non.
Saír de Galicia non é opción.
Pois non. Estou moi agradecido porque non agardaba tantas propostas de traballo, pero é moi complexo compaxinar a realidade que teño por diante con como entendo que hai que afrontar un proxecto, que é o mil por mil. Tiven que declinar algunhas e aínda me quedan outras que están a facer esforzos moi grandes por min. Aínda non teño unha decisión tomada, pero a día de hoxe é similar á que comuniquei en febreiro.
Cando e por que a tomou?
Xa estaba plantexada o ano anterior, que foi moi bonito a nivel deportivo, pero moi consuminte no persoal. O que pasa é que houbo moito troco de xogadoras e non quería ser parte. Por iso decidín seguir unha tempada máis. Pero, xa dende o comezo foi todo moi complicado. E cando souben que ía ser pai, en novembro, fixen click. Non era a vida que quería para esa nova realidade. Faleino coa familia e decidimos que ata aquí chegou a aventura de Porriño. Porén, o que aconteceu dende xaneiro ata o final faime replantexar a situación.
Comunica a súa decisión despois da saída de Aitana Santomé e Paulina Buforn. Tivo algo que ver?
"Como colectivo fomos unha rocha; só teño agradecemento para as xogadoras e son só elas as que me fan plantexarme cambiar a miña decisión"
Non. De feito, se non fora por ese suceso, eu a tería comunicado antes porque estaba tomada. Non quería dar imaxe de inestabilidade porque era un momento delicado para o clube. Non tocaba. Estábase a montar o plantel e non quería afectar á visibilidade. A min me prexudica porque de telo dito antes, podería recibir algunha proposta deportiva anterior. Pero non me custou porque fixen o correcto.
Unha mala noticia que o grupo converte en boa cunha segunda volta espectacular.
Nese momento, mirábase negro. Doeunos que todo o mundo nos puxera como candidatas a descender e o que sucedeu foi incrible. Porque a nivel individual, son mentalidades frouxas, que levan mal os cambios. Porén, como grupo foi todo o contrario. Nunca vivín algo así. Como colectivo, fomos unha rocha. Unha positivade tremenda para aceptar que co que estabamos a facer non nos chegaba e había que mudar o modelo de xogo. Sabíamos que íamos perder partidos para poder ser o mellor equipo posible no tramo final. E conquerimos. Por iso só teño agradecemento para as xogadoras e son só elas as que me fan plantexarme cambiar a miña decisión.
E na casa que lle din sobre isto?
Todo o conquerido é grazas ó apoio que teño da miña parella. Se non fora por ela, non chegaría onde cheguei. Pola súa banda teño o máximo soporte. Son eu o que teño medo de non ser pai presente porque coñezo como traballo e como é a dinámica do alto rendemento. É algo que non me perdoaría nunca.
Que aprendeu de traballar con mulleres tanto tempo?
Que non hai ningunha diferencia cos homes. Sempre se falan cousas dos grupos de mulleres que non son certas. Eu traballei nos dous lados e a miña palabra vale máis que a de quen só estivo nun. Os problemas son os mesmos e as diferenzas son de persoas, non de xénero. Loito moito contra isto, incluso con xogadoras que che din que as mulleres son complicadas. É un estigma que hai que eliminar. Eu adestrei homes e na miña cabeza está volver facelo. E podo garantir que hai vestiarios difíciles nas dúas bandas.
“Claro que existe un machismo moi grande na sociedade e cando traballas no ámibito feminino daste conta”
Carmen Prelchi díxome unha vez que o balonmán non é masculino nin femenino. Por que se lle pon apelido só a un xénero?
Non o sei, pero esa distinción fai dano. Lóxicamente, hai algunha diferencia no xogo a nivel físico e de distancias. Pero a nivel xestión de grupos, é o mesmo. Hai unha discriminación importante que temos que reducir, pero pertence máis o eido social que o deportivo. Temos que pelexar xuntos por unha igualdade real.
Canto aprendeu de feminismo?
Moito. Decátome que agora dou importancia a cousas que antes non llas daba. E son importantes. Non o facía con mala intención porque é como nos educaron. Pero claro que existe un machismo moi grande na sociedade e cando traballas no ámbito feminino daste conta de frases feitas e cousas ancladas no pasado que hai que desterrar. Recomendo a todo o mundo traballar nese eido porque fai que sexas mellor persoa.
E falando de persoas, como separa o trato profesional do persoal?
É o meu principal problema. O vencello persoal é absoluto con toda a xente que traballo e cando hai decepcións, non son só deportivas. É un erro. Aprendes a base de paus que isto é unha relación profesional. Pero eu non sei traballar doutro xeito e seguirei implicado ó mil por mil, mais sendo consciente de que podes levar decepcións.
"Sempre dixen que hai que reducir a Liga; ter proxectos fortes require que as xogadoras se repartan en menos equipos"
Que futuro lle ve á Liga coas aperturas económicas que hai?
Hai que tomar decisións. Sempre dixen que hai que reducila. Ter proxectos máis fortes require que as xogadoras se repartan en menos equipos. Hai unhas esixencias moi difíciles de cumplir para 14 clubes. De tódolos adestradores do curso pasado, só hai confirmados dous para o seguinte. É unha barbaridade. Este traballo queima moito e está moi ben pelexar polas condicións das nosas xogadoras, pero tamén hai que pensar no que rodea o balonmán porque todos somos importantes. Aí estamos a fallar.
Por que non hai uns apoios económicos á altura?
O balonmán é o maior espectáculo deportivo que existe. Os que ven un partido de alto nivel por primeira vez no pavillón, quedan moi sorprendidos. O problema é que vendemos mal o producto e así non atraemos patrocinios privados. Ademais, non hai unha lei de mecenazgo clara para incentivar. Temos que tentar non vivir só do publico, máis aló de que a axuda das institucións é moi importante.
Para rematar, voltamos ó comezo. ¿Que porcentaxe de posibilidades ten de seguir en Porriño?
Non o sei. De verdade que non. Sabelo axudaríame a tomar unha decisión. As miñas dúbidas xiran en que levo moitos anos ó frente do equipo traballando dun xeito que fai imposible que eu siga. Dende o clube están tentando poñer os medios. Eu nunca quixen marchar. Non era o meu desexo, senón máis ben unha obriga moral. O meu fillo vai nacer en menos de 20 días e teño que ter a decisión tomada antes. A baixa de paternidade non me permitiría estar presente tódolos días. Son 19 semanas; 6, obrigatorias. Nas datas que estamos, influiría na pretempada. Son as cousas que estamos a tentar xestionar, xa sexa con teletraballo ou con outras fórmulas, para que sexa posible.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Patinaje artístico
Joel Ribeiro, quinto clasificado en la Copa del Mundo de Cesena
Patinaje artístico
Galicia brilla en Navia
Atletismo
Vaquero reina en Beade