Os inimigos íntimos xa tiran pola amizade no pavillón cheo

Derbi galego

Mentres as locais facían o tradicional ‘baño de masas’ con todos os cativos das categorías inferiores na pista para a fotografía familiar, o Inferno comezou a cantar aquilo de “No pasa nada, la liga está ganada”

Unha das seguidoras do partido anima ó Porriño nunha bancada con gran aspecto.
Unha das seguidoras do partido anima ó Porriño nunha bancada con gran aspecto. | JV LANDIN

O Porriño/ O ‘speaker’ comeza as presentacións e o primeiro en saudar é ‘Lou’, a mascota do Porriño. A continuación, escoitase o nome das xogadoras visitantes. Nin un asubío. Ó contrario, o público procedente do recuncho do ‘Inferno’, o grupo de seguidores do Guardés, pode aplaudir ás súas con gañas e, nun momento, as risas aparecen entre elas. Lou anda por alí, no particular ‘territorio inimigo’, para meterse neses saúdos iniciais e as visitantes aproban a moción, dando as palmadas á coruxa local. Os inimigos non poden ser máis íntimos.

No medio da presentación das árbitras, tamén con presencia galega con Tania Rodríguez, chega o momento do himno galego, interpretado no musical por unha banda de gaiteiros e, coa voz, por xogadoras e público. Mellor dito, por algunhas xogadoras e parte do público. Para os que teñen máis dúbidas está o marcador electrónico, que recolle os versos de Eduardo Pondal. A chave é poñer a orella para non perderse porque non é sinxelo seguir a melodía ata o “Fogar de Breogán, de Breogán” co que rematan os festexos previos e comezan os deportivos cun pavillón case cheo. Ata hai ducias se seguidores nos fondos, algo moi raro para o Municipal porriñés e soamente acadado nos derbis e nos partidos de Europa. Día grande no social.

E así, a modiño, pasiño a pasiño, foi quentándose a bancada. É certo que neste ambiente de cordialidade absoluta, de animar ós propios, as únicas protestas quedaron para as árbitras. Cousas que nunca trocan, como tampouco o bo humor. Perdeu o Guardés, pero o desgusto non pasou do minuto. Mentres as locais facían o tradicional ‘baño de masas’ con todos os cativos das categorías inferiores na pista para a fotografía familiar, o Inferno comezou a cantar aquilo de “No pasa nada, la liga está ganada” e por alí estaban as xogadoras para bailar un pouco ó son dos bombos. É un día grande, é un derbi galego de amizade e, probablemente, con pouco en xogo, polo que os dramas estaban ausentes.

Quedaba o tempo final da cervexa, de falar un pouco dos afeccionados, de comentar coas rivais e cos familiares. Todo para gozar do derbi galego que, en perspectiva, pode repetirse en semifinais da liga. Será outra tensión.

Como é habitual, o conxunto do Baixo Miño estivo apoiado polo Inferno.
Como é habitual, o conxunto do Baixo Miño estivo apoiado polo Inferno. | JV Landín

Contenido patrocinado

stats