Os infantís e as cadetes procuran medalla hoxe
BALONMÁN
O CESA de balonmán praia seguiu desenvolvéndose na praia de Silgar en Sanxenxo, que hoxe será escenario dos encontros decisivos para nomear ós novos campións de España
Xornada de moitas emocións a que se viviu onte no CESA de balonmán praia que se está a disputar en Sanxenxo, xa sen a presencia da choiva que incomodou o pasado venres. Cinco das seis seleccións galegas lograron meterse nos cuartos de final e a infantil masculina e a cadete feminina lograron chegar ás semifinais. O equipo cadete feminino xa xogou a semifinal e caeu ante Madrid, polo que hoxe buscará o bronce ante a selección de Canarias (9:40 horas).
En canto á infantil masculina, a traxectoria do combinado dirixido por Adrián Menduiña foi impecable, xa que venceu en todos os partidos disputados. O venres gañou tres encontros e acadou xa a clasificación para cuartos, pero querían máis e onte tamén gañou o último encontro da fase de grupos ante Asturias, e con remontada incluida. Pola tarde, choque decisivo ante Euskadi e, unha vez máis, Galicia estivo intratable, destacando a portería de Xurxo Otero (infantil de primeiro ano), igual que no resto do torneo. Hoxe, semifinal ante Navarra (09:00)
Pola súa banda, a selección cadete feminina xogaba a primeira hora da mañá o partido decisivo ante Navarra para acadar o pase aos cuartos, e as galegas estiveron moi fortes e venceron en dous parciais. Nesa antepenúltima ronda, Galicia enfrontábase a Aragón e houbo emoción ata o final, cos shoot-out, nos que se impuso Galicia e logrou así o pase ás semifinais, que se xogaron onte ás 21:00 horas. Na semifinal, Galicia enfrontouse a Madrid e caeu derrotada nun partido moi igualado, no que a portería madrileña foi decisiva.
Máis categorías
No resto de categorías, en xuvenil feminina, Galicia caeu nos cuartos de final ante a Comunidade Valenciana (0-2), e en xuvenil masculina, os galegos perderon ante Madrid, igual que os cadetes. Por último, sinalar que a selección infantil feminina xogará hoxe a final de consolación (loita pola novena posición no campionato) tras vencer a Murcia na semifinal. A final será ante Cantabria (11:00 horas).
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último