O Guardés ensina o significado de malleira en Sicilia

Balonmán

O equipo miñoto superou a eliminatoria contra o Erice tras gañar onte con moita facilidade en Italia nun partido que rachou a formación de Seabra cun 0-7 mediado o primeiro tempo

Publicado: 25 ene 2026 - 10:51 Actualizado: 25 ene 2026 - 10:53
Ceci Cacheda trata de superar a defensa do Erice italiano no partido xogado onte en Sicilia e no que o Guardés acadou o pase a cuartos de final da European Cup.
Ceci Cacheda trata de superar a defensa do Erice italiano no partido xogado onte en Sicilia e no que o Guardés acadou o pase a cuartos de final da European Cup. | Giovanni Pappalardo

Durou pouco a eliminatoria en Sicilia. Nin inferno nin temores nin presión nin argumentos do rival. O Mecalia Atlético Guardés superou onte por 11 goles ó Erice. Ata o 15-29 ía camiño de dobrar no marcador ó rival en casa allea. O equipo italiano, que sorprendeu algo na Guarda pola súa consistencia, onte asinou un partido nefasto, totalmente superado por un miñoto que tivo unha certa oposición nos primeiros dez minutos, pero despois realizou un auténtico paseo siciliano na pista Pala Pino Cardella. Pouco tivo que ver o encontro de onte co sucedido hai unha semana na Sangriña e resolto por tres tantos. A superioridade resultou inmensa para pasar de rolda e chegar a cuartos de final da European Cup.

No global do partido, é difícil atopar algunha estatística favorable á formación insular. Sobre todo, hai uns números que reflicten todo o sucedido e pasa, como tantas outras veces, polo que sucedeu entre paus. As porteiras locais asinaron unha eficacia inferior ó 10%, con tres paradas en todo o encontro. A primeira tardou 26 minutos en chegar. A guardesa Balzinc, que non xogou o cuarto de hora final, chegou ó 53%, con ata 16 paradas mentres estivo na pista.

Indica a notable distancia entre o rendemento das porteiras, pero tamén falou do que fixo cada un dos equipos na pista, da superioridade absoluta da defensa do Guardés sobre o ataque do Erice e na onte inoperante retagarda siciliana ante un equipo miñoto que si atacou con velocidade e, cando non o fixo, Cecilia Cacheda estivo acertada na dirección contra unha defensa que apenas condicionou ás da Guarda. En definitiva, dito de xeito coloquial e para rematar rápido: unha malleira.

Tardou algo en distanciarse o Guardés e, de feito, o comezo resultou preocupante porque antes dos catro minutos a eliminatoria estaba igualada. Un 3-0 de saída para o Erice que remataría por ser anecdótico ó final. Pero si, sucedeu, porque a formación de Ana Seabra asinou unhas cantas perdas no inicio do enfrontamento e o seu rival acertaba no lanzamento, especialmente porque Do Nascimento atopou balóns claros e a brasileira, pese ós 44 anos, conserva unha notable dose de calidade na finalización. O 3-0 inicial rachouno Rosane Serrano cun lanzamento de sete metros forzado por Lorena Téllez nunha acción que avanzou o que foi constante, a transición miñota como recurso para rachar a defensa local. Entrouse a un intercambio de goles e chegou un segundo aviso, que xa sería o definitivo para o Guardés, co 6-3 anotado por Sandy Barbosa e o 7-4 de Nascimento. E, partir de aí, rematou o partido. Un parcial de 0-7 eliminou calquera opción do Erice de pasar á seguinte rolda e serviu á formación de Ana Seabra para converter unha eliminatoria incómoda nun verdadeiro paseo.

Simplemente, a defensa impúxose sobre o ataque local, que perdeu á pivote Assana uns minutos ó racharse a súa camisola. Ó volver, o encontro xa era outro. Mandaba o Guardés dende a defensa, que pasou a ser insuperable, dura, sen dar opcións ás penetracións, e soamente tiña lanzamentos exteriores o Erice, case sempre en malas posicións. Alí paraba Balzinc, unha e outra vez. Tocaba os balóns e os repeliu con facilidade mentres as súas compañeiras corrían e corrían para rematar os ataques unha e outra vez en dous ou tres pases. A velocidade que debeu practicar na ida si que apareceu onte, pero coa cabeza ben posta, sen caer na precipitación

O equipo miñoto estivo acompañado en Italia por un grupo de seguidores.
O equipo miñoto estivo acompañado en Italia por un grupo de seguidores. | Giovanni Pappalardo

Así chegaron os goles, un tras outro, e, cando non se remataba o ataque nos primeiros segundos, elaboraba Cacheda para mover á defensa e rematar atopando o espazo, moitas veces coa velocidade de Hauptmann en penetración, que onte asinou un dos seus mellores partidos no Guardés e ante un Erice desbordado e lento atrás. Incluso apostou pola defensa 5.1, que non lle funcionou en ningún momento. Ademais, cada lanzamento miñoto, que a maioría das veces eran bos, entraba na rede porque as cancerbeiras locais non tocaban ningún esférico. Non tiñan axuda, pero tampouco acerto.

O resultado rematou 19-30 cando chegou a estar 15-29. No último cuarto de hora rotou o equipo Ana Seabra e probou alternativas. O traballo estaba feito e esperan os cuartos de final. O sábado coñecerá rival e xa son todos duros, pero non insuperables. Están os españois Elche e Málaga, Bursa (Turquía), Cabooter Vento (Países Baixos), Paok (Grecia) e faltan por resolverse hoxe dúas eliminatorias.

Erice 19 (41) - Guardés 30 (55)

Erice SSD ARL (10+9):

Ivana Kapitanovic (p.), Alexandra do Nascimento (4), Ramona Manojlovic (3), Dagui Assana (3), Shandy Barbosa (3), Teresa Losio (2), Irène Fanton (1), Alexandra Severin (1), Macarena Gandulfo (1), Delphine Ahanda (1), Nicole Bernabei, Marianela Tarbuch Pilar, Melina Cozzi, Lucia Dalle Crode, Gaby Pessoa e Martina Iacovello (p.).

Mecalia Atlético Guardés (17+13):

Balzinc (p.), Cecilia Cacheda (7), Blazka Hauptman (5), Carme Castro (4), Lorena Téllez (3), Elena Martínez (3), María Palomo (2), Rosane Serrano (2), África Sempere (1), Sancha (1), Ania Ramos (1), Jazmín Mendoza e Sabina Mínguez (p.).

Parciais:

3-0, 4-3, 7-7, 8-11, 8-13, 10-17, 12-20, 14-24, 14-25, 14-28, 17-30, 19-30.

Árbitros:

Sofija Petrovic e Lana Zrnic. Excluiron dous minutos a Nicole Bernabei, Bruno Tronelli (entrenador), Delphine Ahanda e Gandulfo. Sen exclusións no Guardés.

Contenido patrocinado

stats