Un gol máis que o rival
Balonmán
O Balonmán Cangas pasou a primeira rolda da Copa do Rei con problemas ó superar por dous tantos ó Agustinos Alicante, nun partido de moito ritmo e pouca defensa
Ten toda a pinta de que a tempada do Balonmán Cangas será tan entretida como cardíaca, tan inesperada como diferente. O certo é que o equipo de Quique Domínguez, polo visto onte en Alicante ante o Agustinos -líder da División de Honra Prata- non é un conxunto que vaia destacar pola defensa nin pola especulación nin por parar os partidos. A formación canguesa xoga ó galope de xeito constante e pasa por tentar marcar sempre un gol máis que o opoñente. A defensa parece secundaria e ante un conxunto de categoría inferior como o de onte, debe atopar máis contribución da portería, porque o dúo formado por Panjan e Mateo Pallas parou moi pouco. Suficiente para superar a primeira rolda de Copa, pero que noutra tarde calquera da Liga Asobal dificilmente serviría para gañar o enfrontamento.
Por aí comezou fraguar a vitoria do Cangas porque chegou ó descanso cunha renda que probablemente non mereceu. Pero a calidade impúxose. No inicio do segundo acto amagou con rachar o partido. Foron uns minutos nos que as defensas, moi superadas, pareceron comezar a render e o cancerbeiro Mateo Pallas encadeou varias paradas. Incluso dúas seguidas. Algo inédito antes do descanso. En varias ocasións, o equipo cangués tivo rendas de dous tantos e con posesión para ampliar máis, pero sempre había un erro, un mal lanzamento ou unha perda.
Mentres, o Agustinos solventou a crise pasaxeira na anotación e volveu a coller ritmo para igualar cedo a 23 dianas. O equipo de Liga Asobal comezaba a pensar que a eliminación estaba máis preto do esperado e Quique Domínguez solicitou un tempo morto que deu paso a un cuarto de hora de intercambio absoluto de goles. Golpe tras golpe, pero sempre con igualdade ou rendas morracenses ata chegar o momento chave.
Foi xa dentro dos dez últimos minutos. Con 31-32, o Agustinos Alicante tivo balón para o empate, pero parou Panjan (que relevou a Pallas). O Cangas marcou despois e xa non volveu a ter o equipo local unha posesión para o empate nos últimos cinco minutos. Incluso Panjan sumou un par de balóns detidos máis. Superou o feito en máis de vinte minutos do primeiro acto. E o ataque do Cangas apenas errou.
Agustinos Alicante 33 - Balonmán Cangas 35
Fundación Agustinos Alicante:
Poyato (p.), Tomás Lautaro (p.), David Jiménez (10), Daniel Reinante (5), Álvaro García, Linares, Espinosa (3), Ponce de León (1), Dario Suárez (2), Gardini, Albergo González (1), Jover, Javier Bodi (7), Nicolás Ruíz, Didac Talens (3), Guillermo Soler (1).
Balonmán Cangas:
Panjan (p.), Mateo Pallas (p.), Díaz Ledo (1), Quintas (2), Samu Pereiro (3), Martín Gayo (8), Manu Pérez (3), Arnau Fernández (1), Jaime Gallardo (2), D'Antino (5), Csaba Ludman (2), David Valderhaug (4), Castro, Santi López (4), Rivero, Juan Rodríguez.
Parciais:
2-2, 6-4, 9-8, 13-11, 16-15, 19-20 (desc.), 23-23, 25-26, 29-29, 32-33, 33-35.
Árbitros:
Albert Pérez y Daniel Toro. Excluiron dous minutos a Arón Díaz, Quintas, Samu Pereiro e Pablo Castro.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
tenis en silla
De la Puente seguirá junto a Róber Rodríguez
Fútbol | segunda federación
El Coruxo obtiene la cesión de Pelayo García hasta fin de curso