Galicia busca o título en cadete feminino
balonmán
A selección galega mídese a Catalunya (10:45) na final do Campionato de España
Xornada de semifinais onte cun encontro que rematou en felicidade e outro en tristura. As seleccións cadetes de Galicia disputaron o cruce de acceso á final do Campionato de España de Seleccións Autonómicas de Valladolid e a formación feminina acadou a vitoria, mentres que a masculina sufriu unha dura derrota.
As xogadoras de Abel González e Ana Costas realizaron un encontro de gran calidade e superaron con moita claridade a Madrid (24-31). Durante a primeira metade, chegaron os peores minutos de todo o torneo das galegas e ó cuarto de hora de partido, o tanteador estaba nun preocupante 5-2. Non obstante, superados os atrancos ofensivos, as galegas comezaron a marcar un gol tras outro para empatar (11-11) e marchar ó tempo de lecer cun gol en contra (12-11). Aínda así, unha vez no partido, o xogo das galegas xa foi imparable.
Na reanudación, as paradas de Marian Mera e os goles de Sara Román e Marta Dasilva dispararon no tanteador ó combinado de Galicia ante un conxunto de Madrid desbordado en todas as facetas do xogo. Ó final, o marcador pechouse cun 24-31 que permite a Galicia loitar hoxe polo título de campioa de España ante Catalunya, gran favorita (10:45).
Pola súa banda, o equipo cadete masculino viviu o capítulo triste da xornada porque perdeu a súa semifinal por un gol ante Valencia. Comezaron mal os galegos, que marcharon ó descanso con poucas opcións de clasificación ó perder por 13-18. Non obstante, o seu inicio do segundo tempo foi abraiante para establecer con moita celeridade a igualada (18-18). Foi como un novo comezo de enfrontamento porque o ritmo goleador calmouse e os dous conxuntos foron intercambiando golpes ata os instantes finais. O equipo valenciano tivo capacidade para aproveitar unha superioridade a falta de cinco minutos para o final. Gañou unha renda decisiva, que os galegos quedaron preto de neutralizar (28-29). Unha derrota que os obriga a loitar hoxe polo bronce ante a formación de Euskadi (9:00). Os combinados xuvenís e infantís perderon o sábado en cuartos de final e, polo tanto, onte comezaron as eliminatorias para decidir os postos do quinto ó oitavo. Tres seleccións de Galicia acadaron a vitoria por unha única derrota. As rapazas xuvenís volveron a amosar o seu gran nivel de xogo tras a derrota dura no decisivo cruce de cuartos de final. Onte gañaron a Andalucía (33-29) tras un mal inicio de enfrontamento, pero despois reaccionaron baixo a dirección de Sarai Espiñeira, que sumou once tantos. Buscarán a quinta praza ante Madrid (12:30).
Tamén acadaron a vitoria os dous conxuntos infantís. Os cativos viviron un encontro axustado ante a selección de Aragón, que rematou con vitoria (24-23). A defensa foi chave para asinar a vitoria e hoxe buscan a quinta praza contra Navarra (12:30). As cativas viviron un enfrontamento máis cómodo porque superaron con claridade a Madrid (30-20). O seu rival hoxe é Canarias (12:30).
A única selección galega que perdeu onte o seu partido foi a xuvenil masculina. A pesar da derrota por cinco tantos (27-22), Galicia chegou á segunda parte con opcións (18-18, min. 41). Hoxe madrugarán na procura da sétima posición ante Euskadi (9:00).n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último