Faltou un pouco, faltou tanto e como doe no Porriño
Balonmán
O Porriño caeu por un tanto ante o Valur na volta da final da European Cup despois de ir perdendo por ata sete goles e reducir a distancia coa defensa aberta
Vigo/ Caeron bágoas, moitas. Era o día para chorar e tocaba saber se serían de tristura ou de ledicia. Para o Conservas Orbe Zendal Porriño foron das que doen, das que saen do corazón, do desgusto. Porque quedou todo preto e lonxe, a un gol, a un maldito gol de forzar ós sete metros. No último intento, no recurso da desesperación táctica, estivo a formación louriñesa moi preto de levantar unha final que estivo moitos minutos perdida, e ó remate, quedou preto, demasiado preto como para non doer, demasiado preto como para non pensar, demasiado preto como para non laiarse.
E volverán as accións á cabeza, a Isma Martínez dáralle voltas por non facer o cambio da porteira un chisco antes ou calquera outra variable. Maider Barros pensará nos balóns que sacou a gardaredes Hafdis, e igual pensarán Sarai Samartín ou Lucía Laguna. Paradas polo extremo chaves. Tamén pensarán Casasola nos lanzamentos blocados e Paulina Buforn daralle voltas ó sete metros errados máis que os que marcou. É inevitable, a derrota foi por un único gol. E, cando é por tan pouco, cando a marxe estreita é por esa cuestión tan pequerrecha, todos os compoñentes da expedición pensarán unha e outra vez o que había que facer e non se fixo. O remordemento deportivo.
Se cadra, todo isto é un pouco máis porque o Porriño está nun fin de ciclo, con sete xogadoras que tomarán outro rumbo, incluidas algunhas das que levan máis tempo como a capitá Sarai Samartín ou a porteira Fátima Ayelén. Tamén saen do equipo Casasola, Valles, Barros e Bengoetxea, chaves a tempada actual e nas últimas. Completa a listaxe Daniela Moreno. Pero a derrota seguirá doendo porque, noutro contexto, noutra realidade, podería pensarse nun regreso próximo á final. No caso do Porriño parece un atrevemento. Era a primeira final, a histórica, e, pode chegar outra, pero non semella sinxelo.
O enfrontamento comezou equilibrado e xa eran boas novas para o Porriño, que podería pensar nun inicio forte das locais. Aguantaron ese primeiro tirón e, incluso, da man dunha acertada Paulina Buforn no lanzamento exterior e nos sete metros, asinaron un 0-3 de parcial para poñerse 3-6, o que obrigou ó Valur a parar o enfrontamento. O partido ía por bo camiño, pero chegou o momento do atasco ofensivo no gol sete. Minutos e minutos sen anotar. Chegaron o trocos, pero Casasola -que onte pagou a lesión de nocello- e Valles non atoparon o camiño. Si encontrou o sendeiro polo que facer dano o equipo local, que tiña na zurda Thea Imani a central para repartir xogo dende o lateral diesto. Zurda de talento, zurda de visión. Padecía a defensa case individual no 6.0 e, co 5.1 do Porriño, fixo mellores lecturas que hai unha semana para desbordar e crear superioridades que eran aproveitadas no lado contrario. Vivía delas a central Elin Rosa e non o fixeron as extremos porque Sigriour Haksdottir fallou todo o que intentou ata que saltou á pista Lilja Agustsdottir, que si atopou o xeito de superar a Palomino nos lanzamentos abertos xerados polas compañeiras.
O atasco do Porriño converteuse no funil dun accidente en Rande no verán. Do 4-7 ata o 11-7. De ter unha final a favor, a pasar a remar co aire na proa. Tocaba ir a contracorrente e non parecía sinxelo. Pero é unha final continental e había que intentalo. E intentouse, con máis corazón que acerto, pero nunca renegou o Porriño ante un equipo que, muller por muller, é mellor.
A segunda metade resultou un exercicio de supervivencia. Pronto marchou a cinco a renda local, mentres que o equipo louriñés batía coa defensa e, cando a superaba, coa porteira Hafdis, que onte amosou o nivel que se lle presupoñía. Co 18-13 parou o partido Isma Martínez e o seguinte ataque foi unha perda… A final, a gloria comezaba a falar islandés. Mudou o ataque do Porriño na procura de solucións, que non remataban de aparecer. E tamén a portería, na que Ayelén entrou quente ante unha Palomino acertada no primeiro tempo, menos no segundo.
Así, a renda do Valur chegou ata os sete goles e, a falta de dez minutos, tras todos os intentos do mundo posible, chegou a defensa individual. E funcionou. Do 23-16 pasouse ó 25-24 definitivo. Foron chaves aí os goles de Thea Imani e Elin Rosa -este último en inferioridade a falta de minuto e medio-. As dúas mellores xogadoras do campión, todo é preciso dicilo. E entre gol e gol louriñés, pagáronse caros os erros de lanzamentos claros porque xa non había marxe para telos. E así, o Porriño quedou a nada, a un pouquechiño do título da European League. Quedou tan preto e tan loxe que doe, doe moito. Ten que ser así. Con tempo, collerá valor, incalculable. Co tempo...
Valur 25 (54) - Porriño 24 (53)
Valur:
Hafdis Renotudottir (p.), Silja Arngrimsdottir (p.s.), Sigriour Hausdottir, Asthildur Porhallsdottir, Hildur Bjornsdottir, Lilja Agustsdottir (4), Porey Anna Asgeirsdottir (6), Asdis Pora Agustsdottir (1), Elisa Eliasdottir (4), Gourun Hekla Traunstadorttir, Hildigunnur Einarsdottir, Arna Karitas, Thea Imani Sturludottir (3), Elin Rosa Magnusdottir (4), Lovisa Thompson (3).
Conservas Orbe Zendal Porriño:
Palomino (p.), Ayelén (p.s), Zhukova (3), Bono (3), Casasola, Campo, Iria Benaches, Valles (3), Aitana Santomé (2), Aroa Fernández, Maider Barros (4), Sarai Samartín (2), Paulina Buforn (6), Maddi Bengoetxea (1), Moreno, Laguna.
Parciais:
2-1, 3-5, 5-7, 6-7, 11-7, 12-9 (descanso), 16-11, 17-13, 19-14, 22-16, 24-20, 25-24.
Árbitros:
Titouan Picard e Pierre Vauchez, de Francia. Excluiron a Porey Ana (2), Elisa, Hildigunnur, Thea Imani; Aitana Santomé, Sarai Samartín e Maddi Bengoetxea.
Incidencias:
Volta da European Cup de balonmán. Reikiaik, 1.800 persoas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último