Faleceu Macey, unha lenda de Samertolameu de Meira

Obituario

O remeiro con máis regatas oficiais co clube moañés morreu onte despois dunha longa enfermidade

Macey, na tempada 2022, na que se tivo que retirar.
Macey, na tempada 2022, na que se tivo que retirar.

Tiña 51 anos. Demasiado novo para morrer, igual que nunca foi demasiado vello para baixar da “Terca”. Porque José Luis Macey Portela só quedou en terra cando lle diagnosticaron unha enfermidade incompatible coa práctica deportiva, alá polo 2022. A mesma que onte rematou coa súa vida na compaña dos seus seres queridos. Un final prematuro e un legado inmenso para o remo galego e, directamente, inmortal para Samertolameu de Meira. O seu clube. A súa familia. Ninguén vogou máis ca el na metade verde de Moaña, con máis de tres décadas a bordo.

Así é. Macey deixa 33 tempadas con Meira e un palmarés de altísimo nivel. Catro títulos de Liga Galega A e cinco Bandeiras Teresa Herrera. Ninguén gañou máis veces a emblemática regata da Coruña, moi especial para el porque pechou un círculo case perfecto hai tres anos e medio, cando a conquistou por última vez, case 20 despois de apañar a primeira.

Son rexistros que quedan nos libros de historia, mais, se cadra, os verdadeiramente importantes son os que fican para sempre nos corazóns dos que o coñeceron. Basta botar unha ollada ós comentarios na publicación que Samertolameu fixo para anunciar o seu pasamento. “Peleón coma poucos e traballador coma o que máis. Sempre sentín unha enorme admiración pola súa incombustible persistencia”, escribía un compañeiro de bancada. “Que as máis fermosas ondas o leven na súa escuma”, engadía outro,

No escrito, a entidade moañesa amosaba o seu enorme agarimo polo seu remeiro, a súa familia, amigos e compañeiros. “O baleiro que deixa en Meira é enorme, pero o seu exemplo de constancia e amor polo clube guiará ás vindeiras xeracións de remeiras e remeiros”, rezaba o texto. Nese senso, Samertolameu homenaxeou a Macey en vida. Ogallá tanto agarimo sirva para que marche co corazón cheo.

Contenido patrocinado

stats