A diversión de Ochoa

PIRAGÜISMO

O palista tomiñés obtivo a medalla de prata en piragüismo extreme na Copa do Mundo de La Seu e afirmou que, nesta disciplina, “podes facer o que durante anos tiñas prohibido”

Publicado: 05 sep 2022 - 23:50 Actualizado: 06 sep 2022 - 09:41

Manu Ochoa rematou segundo na Copa do mundo de La Seu d'Urgell tras superar a Desvignes nos últimos metros. 

RFEP
Manu Ochoa rematou segundo na Copa do mundo de La Seu d'Urgell tras superar a Desvignes nos últimos metros. RFEP

Manu Ochoa, de 23 anos, meteu forte a pada e sprintou para situar a piragua diante do francés Theo Desvignes para acadar a segunda posición. O domingo foi a primeira medalla nunha Copa do Mundo absoluta para o tomiñés na que, pouco a pouco, é a súa modalidade predilecta, a de extreme, que será olímpica por primeira vez en París 2024. Tras non pasar das semifinais na proba de slalom, “redirixín a situación e conseguín pasar de roldas ata chegar a final en extreme. Esa proba foi moi dura porque empecei mal, de último. Recuperei dúas prazas no tramo final do trazado. Para ver que rematei segundo tiveron que tirar de 'photo-finish' porque pasei ó meu rival sobre a mesma chegada. Estou moi contento”, expresou Manu Ochoa.

Esta proba atópase en crecemento ó entrar no calendario dos Xogos. Na Copa do Mundo hai unha sesión de sábado que baixan dun en un e “entran vinte de forma directa nos cruces e outros seis por países. É importante facer un bo tempo para ter rivais máis doados e escoller rúa", relata o tomiñés. Aí comezan as eliminatorias con regatas de catro padaxeiros nos que os dous primeiros pasan roldas e os outros quedan eliminados. “O importante é estar moi rápido sempre, iso é o que permite acadar despois unha medalla como esta. Porque, ó final, a primeira baixada marca moito”, admite Ochoa.

A partir de aí, o xeito de competir en slalom troca un pouco porque “entra un compoñente estratéxico. Ó principio era saír como un tolo e seguir como un tolo ata o final, pero agora xa está trocando esta situación. Nalgúns casos resulta mellor saír algo máis atrás e recuperar posicións porque, ó final, se vas diante es o único que pode ser atacado. Ten ese compoñente táctico moi alto e é unha das partes máis bonitas desta modalidade. Tes que pensar e tomar decisión con sangue fría nuns momentos”, relata Manu Ochoa.

Unha realidade que se combina coas opcións da baixada porque nalgunhas portas existen dúas vías de paso. “E tes que escoller. En La Seu había unha na que era máis doado defender a posición e outra ruta máis rápida. En función do posto, vas por un sitio ou por outro”, describe o do Miño Teixugos. E, tamén por isto, trocaron os adestramentos no día a día. “Facemos baixadas de catro na selección. Non con tanto contacto como na competición, pero sí que ensaiamos o que é adiantar ou defender unha posición”, relata. Porque o extreme ten un claro compoñente lúdico dentro do alto rendemento. “É moi divertido”, admite Manu Ochoa. “Dende pequeno, remas en piraguas con barcos de carbono e tes que ter coidado de non darlle golpe nin tocar os compañeiros. Isto é diferente porque tes un barco de plástico, curtiño e no que podes pegar contra todos lados e chocar contra todo o mundo. Todo o que non podías facer, agora o podes facer”, conclúe o tomiñés.

Contenido patrocinado

stats