Un día azul ó completo

TRAIÑEIRAS

Tirán Pereira gañou o Memorial Ruly de traiñeiras en mulleres con moita marxe nunha xornada de bo tempo na Ría de Vigo e primeira posición de Cabo da Cruz entre os homes

A tripulación feminina de Tirán Pereira acadou a vitoria no Memorial Ruly celebrado onte en Moaña.
A tripulación feminina de Tirán Pereira acadou a vitoria no Memorial Ruly celebrado onte en Moaña.

Mañá solleira de xuño e traiñeiras en competición ás beiras do moañés porto da Mosqueira. Aínda non chegou o verán de xeito oficial, pero poucas instantáneas máis do estío existen que a vivida onte na parroquia de Tirán. A competición, ademais, foi o Memorial ‘Ruly’, que sirve para recordar a lendaria figura do patrón Raúl Rey,

A sesión comezou coa regata feminina, na que a tripulación local cumpriu o seu papel de favorita con moita autoridade ó sacar un minuto a Cabo da Cruz, que esta tempada parece lonxe do barco moañés. En 2024 estaba un paso por diante, pero cambiaron os papeis no inicio do ano. Ante a ausencia de Chapela, con problemas para competir esta semana por lesións e cuestións laborais, a terceira praza foi para Cesantes, mentres que pechou a clasificación Amegrove. Todas as traiñeiras quedaron afastadas. As posicións estiveron todo o tempo ben marcadas.

A continuación tocou o momento das traiñeiras masculinas divididas en tres quendas e con claro favoritismo para Cabo da Cruz. A cita tiña como especial aliciente coñecer se Tirán Pereira podía estar preto dun barco que vogará na Liga ACT e así foi porque deixou sete segundos ó final da proba, pero no ecuador pasou a dous da tripulación boirense.

Lonxe, moi lonxe, xa quedaron o resto de embarcacións. Samertolameu salvou a terceira praza e Bueu marchou ata a sexta. Ambos vogaron na quenda de honra e entre eles coáronse Puebla e Mecos, que estiveron na segunda quenda do día e ofreceron un fermoso espectáculo porque estiveron separadas por algo máis de medio segundo.

Pouco a pouco, por detrás, foron cubrindo o resto de traiñeiras o Memorial Ruly con boas novas para Chapela B, que asinou a sétima praza e bastante malas para Cesantes, que pechou a clasificación tras perder bastante tempo cos seus predecesores. A cita moañesa serviu como última proba antes do comezo da Liga Galega de traiñeiras, que dará inicio o fin de semana do 28 e 29 de xuño. E o club de Tirán Pereira chegará con boas sensacións, especialmente en mulleres. En todo caso, as dúas traiñeiras buscarán loitar polo título ligueiro tras ver o rendemento da pretempada. Chapela, que non estivo onte en Moaña, será o seu gran rival tanto en homes como en mulleres.

Contenido patrocinado

stats