Un despertar sen folgos

ASCENSO A SEGUNDA B

O Choco quedou eliminado da loita por ascender a Segunda B ó caer ante o filial do Zaragoza de xeito claro

JORGE CASTRO. VIGO deportesad@atlantico.net
Publicado: 13 jun 2016 - 11:16 Actualizado: 14 jun 2016 - 11:20
O Choco perdeu onte ante o filial do Zaragoza e non ascenderá a Segunda B.
O Choco perdeu onte ante o filial do Zaragoza e non ascenderá a Segunda B.

Moito durou a fazaña do Choco. Bastante máis do que indicaba a lóxica futbolística e as características dun equipo completamente amateur que onte quedou eliminado en Zaragoza tras xogar o cuarto partido nas últimas dúas semanas.

Metido na competición doméstica da Copa Deputación que acadou o pasado xoves, a formación de Redondela viaxou en autocar ata a capital de Aragón durante o sábado para tentar levantar un resultado adverso (1-2) sufrido unha semana antes en Santa Mariña.

Era a intención e a ilusión do Choco e os afeccionados desprazados ata a cidade deportiva do Real Zaragoza, pero a realidade foi ben distinta. Onte o equipo de Marcos Montes pagou toda a tempada anterior e tamén medirse a un equipo superior, con máis recurso físicos, económicos e materiais que a formación de Redondela. O certo é que os redondeláns tiveron boas intencións e que tentaron saír con gañas, pero o Deportivo Aragón controlou a posesión e fíxose co esférico dende os primeiros minutos.

O golpe case definitivo chegou ós trece minutos de partido, cando Pombo aproveitou un balón na frontal do área para sacar un bonito puntapé que superou a Cortegoso. Tiña que anotar dous goles o Choco para empatar a eliminatoria. Unha misión que semellaba moi difícil porque non conseguía facerse co esférico para mandar sobre o campo. Ademais, ós vinte minutos, o dianteiro Silva tivo que deixar o partido por lesión. A situación empeorou.

Non marcou o Choco antes do descanso a pesar das ocasións de Óscar e Comis e no segundo tempo, o Deportivo Aragón xogou cómodo ante un equipo de Redondela que non atopaba a forma de roubar o esférico con frecuencia para poder atacar. Chegou o segundo gol local por medio de Kilian a falta de vinte minutos. Foi o final.

O equipo de Redondela xogou a segunda promoción de ascenso seguida. O ano anterior perdeu no primeiro chanzo e na presente tempada chegou ata o segundo. Un gran mérito para un equipo no que os xogadores están lonxe de ser profesionais e, ademais, foron caendo elementos ó longo da tempada como Saúl e Carminati. Cuarta praza, título de Copa Deputación e chegar á segunda eliminatoria na loita polo ascenso. O balance é moi positivo para o equipo de Marcos Montes.

Deportivo Aragón Zaragoza B:

Ratón, Delmás, Nieto (Iñaki, min. 54), Jorge "Guti", Crespo, Tarsi, Jameli, Pombo (Raúl, min. 79), Kilian, Pablo (Buenacasa, min. 63), Barreira.

Choco:

Cortegoso, Yago Vázquez, Suso, Lucas, Gándara, Alberto (Xosé Ramón, min. 75), Comis (Fernán, min. 65), Fer, Silva (Óscar Pérez, min. 20), Hugo, Félix.

Goles:

1-0, min. 13: Pombo; 2-0, min. 70: Kilian.

Árbitro:

Javier Flores Carrasco. Amosou cartón amarelo a Delmás e Barrera polo Deportivo Aragón e a Óscar e Suso polo Choco.

Incidencias:

Partido disputado na Cidade Deportiva do Real Zaragoza. Segunda eliminatoria da promoción de ascenso a Segunda División B.

Contenido patrocinado

stats