A Deputación adica 1,8 millóns a renovar instalacións deportivas

As subvencións inclúen desde porterías e canastras ata obras de reforma dos recintos

Luisa Sánchez presentou onte en Vigo o Plan de Equipamentos ante representantes do deporte.
Luisa Sánchez presentou onte en Vigo o Plan de Equipamentos ante representantes do deporte.

Os orzamentos provinciais elaborados polo goberno da Deputación de Pontevedra de cara ao exercicio 2026 incluirán unha nova partida de 1,8 millóns de euros para que clubes e asociacións deportivas acometan melloras nas súas instalacións. Así o anunciou onte a vicepresidenta e responsable da área de Deportes, Luisa Sánchez, durante un encontro mantido na sede de Vigo con diferentes entidades deportivas da provincia.

O Plan de Equipamentos ProDeporte contemplará dúas liñas de axudas e os solicitantes poderán elixir a cal delas se adhiren. A primeira liña contempla subvencións para obras de reforma das propias instalacións que poden chegar ao cen por cen do custo cun importe mínimo de 5.000 euros e un máximo de 50.000 euros. A segunda liña está destinada á adquisición de equipamento inventariable -como poden ser porterías, canastras ou marcadores- cun importe mínimo de 1.000 euros e máximo de 10.000 euros.

“A Deputación dá inicio a un ambicioso programa que vén a complementar o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que xa contempla 8 millóns para os concellos, e os convenios específicos coas grandes cidades, que destinan fondos para instalacións deportivas a petición dos gobernos locais. Abarcamos así todas as frontes e damos resposta ás necesidades dos clubs dun xeito integral e transversal”, valorou Luisa Sánchez ante as máis de 20 entidades deportivas de Vigo e a súa área metropolitana que acudiron a esta primeira reunión convocada para dar a coñecer o novo Plan de Equipamentos ProDeporte.

As entidades beneficiarias destas subvencións deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia e ser titulares das instalacións ou dispoñer dunha cesión formalizada por un mínimo de 5 anos. Do mesmo xeito, deben ter alo menos un equipo en activo nunha competición oficial. Non son susceptibles de concorrer a estas axudas as federacións deportivas, os organismos oficiais, as administracións públicas, as entidades con ánimo de lucro, as entidades educativas e as fundacións. “Ter unhas instalacións axeitadas significa garantir a igualdade de oportunidades, porque sen espazos dignos e seguros non hai práctica deportiva posible”, proseguiu Luisa Sánchez.

Para a vicepresidenta, estas liñas de axudas “ratifican o compromiso desta Deputación co deporte”. “Somos a provincia do deporte. Estou orgullosa de exercer neste mandato como responsable desta área, que é primordial”, concluíu.

Contenido patrocinado

stats