Delio Fernández desvela a etapa entre Tui e A Guarda do Gran Camiño

Ciclismo

O cumio do Trega acolle o venres a segunda etapa do Gran Camiño, que terá “un final explosivo”, admite o corredor profesional moañés do Tavira

Publicado: 20 feb 2023 - 01:25 Actualizado: 20 feb 2023 - 12:55

O treito de empedrado dentro do último quilómetro será un punto chave para coñecer o gañador da etapa co final na Guarda.
O treito de empedrado dentro do último quilómetro será un punto chave para coñecer o gañador da etapa co final na Guarda.

Percorrido longo da segunda etapa do Gran Camiño polo sur da provincia de Pontevedra e por case todos os municipios do área metropolitana de Vigo. Durante moitos, moitos quilómetros, á beira do mar e cun final no que “parece que pedaleamos sobre o océano”, admite o profesional do Tavira Delio Fernández, que recoñeceu o último treito da etapa, que en menos de vinte quilómetros terá o ascenso ó Alto da Cruz da Portela no Rosal (2.96 km, 6,62%) e a subida ata Santa Trega (3,67 km, 7,58%).

“O final é moi visual. Os afeccionados poderán ver moito treito do ascenso e conta coa sorpresa do empedrado”, expresa o moañés. Un agasallo que son algo máis de 100 metros sobre lousas de granito, no vía crucis que vai ata o cumio e polo que os corredores pasarán nun treito sen chanzos. Será un tramo decisivo porque está dentro do último medio quilómetro.

“A subida enteira son uns tres quilómetros cunha pendente media do 8%. Ten ramplas constantes, sen descansos. O último é o máis duro. Creo que pódese baixar dos dez minutos en carreira. Aínda así, será moi longo. É un esforzo explosivo, pero tamén cunha duración considerable. Os escaladores xa teñen que facer as diferenzas”, expresou o ciclista morracense sobre o final da xornada no Trega.

Unha das chaves a sitúa ó comezo do ascenso porque “os equipos importantes van poñer un ritmo moi forte para que os líderes poidan facer esas distancias nos últimos metros. Se non estás diante, xa tes que facer un esforzo para remontar postos e pode pagarse despois”, indica Fernández. Os equipos World Tour -da primeira categoría- serán os encargados de manexar estes momentos. Lotto Jumbo, Movistar, Astana e Cofidis son os conxuntos desta división no Gran Camiño.

Antes, a etapa tamén ascenderá o alto de San Estaban de Negros dende Redondela (4,11 km, 6,25%) pola N-555, que terá continuidade ata San Cosme e o Alto da Cruz da Portela no Rosal. Está situado no treito final para seleccionar a etapa. “Ata este punto, apenas hai terreo duro. Haberá moita tensión para entrar diante, pero non é unha subida longa nin dura. Ó ser próxima á chegada, o ascenso será moi rápido”, explica Delio Fernández. Admite que é unha subida constante, con boas vistas ó Atlántico, pero que “en función do día, pode dar moito o vento”. Se sopra do sur, como o día do recoñecemento, “dará na na faciana ós ciclistas e ir no pelotón será máis cómodo”, recoñece. Ó contrario, se o vento non aparece ou se sopra de dirección norte, “a velocidade coa que se vai subir fará máis dano. O máis difícil será a velocidade e tamén a tensión para entrar na subida".

“Son galego e a etapa pasa pola casa, faime moita ilusión”

O moañés Delio Fernández preparou a cita do Gran Camiño como o principal obxectivo da primeira parte da tempada. Estivo no Tour de San Luis en Argentina e disputou unha clásica en Portugal antes da cita galega. “O ano pasado destaquei bastante na proba e teño a ilusión de repetir a actuación”, expresa o deportista. Rematou na décimo sexta praza e fixo sétimo na segunda etapa, con final no Mirador do Ézaro.

“Son galego, da zona, e a segunda etapa pasa pola casa. Faime especial ilusión. É difícil repetir os resultados do ano pasado e máis cando veñen os equipos World Tour, que tentan impoñer a súa calidade. Ante todo, teño moita ilusión de que nos vexan os aficionados galegos e poder estar nas estradas de Galicia é unha gran satisfaccción e resulta moi motivante”, expresou o moañés.

A primeira etapa, do xoves, será na provincia de Lugo entre a capital e Sarria coa subida ó alto de Moután no treito final como dificultade. O venres chega o momento da provincia de Pontevedra, co ascenso a Santa Trega, e para o sábado quedará a xornada raíña, na de Ourense.

Esta etapa será a gran chave da proba porque consta de 163 quilómetros e nos últimos setenta haberá un dobre paso polo alto de Santa María do Monte (5,77 km, 10,52%) no Barco de Valdeorras e final no Castelo de Rubía (6,78 km, 6,42%), dentro do parque natural da Serra de Enciña de Lastra.

Tras esta xornada debería quedar moi clarificada a clasificación xeral do Gran Camiño, pero aínda faltará unha contrarreloxo entre Novo Milladoiro (Teo) e Santiago, que terá varias subidas para rachar o ritmo dos ciclistas. Un trazado que, pese a ser de 18 quilómetros, servirá para marcar distancias.

Deste xeito, O Gran Camiño, que comeza o xoves, terá un trazado para todo tipo de corredores, pero que será moi selectivo. Os corredores rápidos terán a primera etapa como a única opción de gañar e, aínda así, deberán ser velocistas fortes porque a etapa ten varios ascensos, incluido o último, na parte final. A terceira etapa é de montaña pura e a última de loita individual contrarreloxo.

A xornada na provincia de Pontevedra, deste venres, terá varios puntos chave para seguir o paso do pelotón. O lugares máis cercanos a Vigo para ver os corredores son o ascenso a Sant Esteban de Negros e a rampa do Rebullón en Tameiga. Despois, o principal atractivo estará no final, co ascenso ó alto da Portela e tamén ó de Santa Trega. Na subida final, o paso polo treito de empadrado será o lugar chave porque, ademais, non pasarán coches por ese treito.

Delio Fernández recorre con Atlántico el final de la segunda etapa de O Gran Camiño en Santa Trega

Contenido patrocinado

stats