David Porto e Ángela Castro gobernan o Trega
Trail do Trega
O luso Ricardo Esteves e Nerea Castro apañaron sendas vitorias na distancia curta
Unha fermosa mañá dominical agardaba onte polos máis de cincocentos participantes nas dúas distancias do Trail do Trega, que culminaba a Liga de Pontevedra desta especialidade nun lugar con tanta maxia coma o mítico monte guardés. David Porto e Ángela Castro convertéronse nos gobernadores de tan enxebre localización e levantaron os brazos no cumio despois de atravesar carballeiras, terreos rochosos e sendeiros co Atlántico coma telón de fondo. Un nivel paixasístico inigualable, que volveu deixar fotos para enmarcar.
O atleta porriñés fixo o mellor tempo en meta. Pouco máis de hora e media (1h31:52) para completar os 18 quilómetros cun total de 900 metros de desnivel. Víctor Maneiro foi segundo (1h33:38) e Darío Arias Costas obtivo a terceira praza no caixón (1h34:59).
Entre as mulleres, a vitoria quedou na Guarda. Ángela Castro (1h55:40) exhibiuse na casa para meterlle cinco minutos de vantaxe en meta a Leticia Diz (2h00:42). Ainhoa Larrañaga acadou o terceiro posto cun tempo de 2h03:42.
A cita contou tamén cunha distancia curta, dunha ducia de quilómetros e 400 metros de desnivel. Unha carreira rápida, na que o portugués Ricardo Esteves foi o máis veloz. O luso empregou 1h2:18 para acadar o triunfo por diante do seu compatriota Nuno Castel-Branco, que entrou en meta medio minuto despois (1h:02:49). Xa máis lonxe, Manuel Piñeiro foi o terceiro clasificado (1h05:57).
Na categoría feminina, Nerea Castro gañou con puño de ferro (1h17:59). Verónica Romero rematou no segundo lugar (1h21:31) e Lucía Carrera completou o podio (1h26:02).
O Trail do Trega puxo fin á Liga de Pontevedra de trails, que antes disputou o Trail do Aloia e o dos Muíños do Folón. O triunfo de David Porto onte permitiulle amarrar a vitoria ligueira. Entre as mulleres, a Deneb Álvarez bastoulle con ser onte décimo terceira para levar o título no global das tres competicións disputadas no Baixo Miño.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
voleibol
Dificultades lejos de Coia
baloncesto/liga challenge
El Celta descarta a Thomas y busca una alero física