O 'Cholismo' gaña en Barreiro

segunda división b

Un Celta B sen definición perde con claridade ante o Atlético B, que amosou eficacia no remate e moita defensa

JORGE CASTRO. vIGO
Publicado: 04 mar 2019 - 01:42 Actualizado: 05 mar 2019 - 03:57
O céltico Pampín realiza un pase no partido de onte entre o Celta B e o filial do Atlético de Madrid.
O céltico Pampín realiza un pase no partido de onte entre o Celta B e o filial do Atlético de Madrid.

O Celta B é un equipo de calidade, fútbol combinativo, boas intencións, chegadas ó área rival, posesión, rico tácticamente... Unha boa listaxe de elementos positivos, pero a gran maioría deles queda en nada, preto de marchar ó lixo polos seus problemas na toma de decisións no área contraria e, especialmente, no remate. O gol, ese elemento tan decisivo no mundo do fútbol e no que o equipo de Rubén Albés naufraga. O fai dende o inicio de tempada e esta debilidade aínda é máis acusada cando ó seu carón está un Atlético B que é xusto o contrario. Sen tanta fermosura, pero nos metros finais é unha formación vertical e coas ideas claras.

Deste xeito, o fútbol do filial céltico en ataque pasou por enviar balóns interiores a un activo Ibán Salvador, que tivo a primeira ocasión ós catro minutos de xogo tras internarse en solitario no área e tardar máis da conta en rematar. Chegou o defensa ó cruce, podería ser penalti, pero os árbitros xa saben da habitual teatralidade do mediapunta, onte dianteiro, céltico. Errou na primeira, pero o atacante céltico foi o futbolista que creou máis perigo antes do descanso ante a portería de Dos Santos. O que sucede é que é máis asistente que rematador e, nun par de ocasións claras, buscou o pase cando a xogada pedía remate.

Entre ataque e ataque céltico, o Atlético B esperaba no seu campo para saír en transicións rápidas coa velocidade de Many e o coruñés Óscar Pinchi polos costados. O extremo esquerdo desbordou en dúas ocasións, a primeira sacouna Iván Villar e a segunda tocouna o porteiro mal e chegou dende o lado contrario Pinchi para empurrar á rede. Despois do gol e ata o descanso, máis chegadas do Celta B sen acerto, especialmente mal xestionado un saque de porta defectuoso do porteiro visitante no que Pastrana, con tres compañeiros ó remate, optou por disparar á porta e o balón marchou fóra.

A segunda metade comezou coa entrada ó campo de Alende por Pampín e a aposta definitiva do filial celeste pola defensa de tres centrais. O obxectivo era buscar de xeito claro o ataque, pero o primeiro que chegou foi a ocasión de Manny ó recoller un saque de banda, dar a volta e rematar con velocidade. Enviou Iván Villar a saque de curruncho.

Despois do susto chegaron minutos e minutos de ataque vigués. Ó igual que na primeira metade, os futbolistas de Rubén Albés buscaron todas as opcións posibles para chegar á portería defendida por Dos Santos. Alternaron xogo curto e longo, balóns polo centro e pola banda e tiveron ata catro ocasións claras. Bermejo, tras un roubo na presión, centrou a un defensa con todo a favor. Despois, Ibán Salvador sacou un puntapé fermoso de volea que marchou bicando o pau e Solís disparou alto unha nova xogada en superioridade. Tamén tivo Bermejo un remate claro tras tocar coa cabeza Salvador. Ó borde do área pequena rematou alto. A isto é preciso sumar moitas chegadas ó área e algún saque de curruncho sen maior perigo.

No medio da posesión e a proposta céltica, o Atlético B anotou o segundo tanto nunha acción de presión na que Robert Costa deulle un pase a Óscar en lugar de facelo a Iván Villar. Camello recolleu o pase atrás para facer o segundo tanto visitante, que rompía o enfrontamento. Xa no desconto, e nun novo contragolpe, o filial madrileño anotou o seu terceiro tanto para pechar un partido de puro estilo 'Cholista' ante un filial do Celta que mantén os xa eternos problemas de definición. Sen gol é moi complicado gañar partidos, xa sexa en Primeira, Segunda B ou Terceira Autonómica. A renda sobre o descenso queda en catro puntos, aínda quedan padecementos.

Celta B:

Iván Villar, Manu Farrando, Ros, Robert Costa, Pampín (Alende, min. 46), Rai Marchán, Alberto Solís (Aarón Rey, min. 81), Pastrana (Molina, min. 72), Dani Vega, Bermejo, Ibán Salvador.

Atlético de Madrid:

Dos Santos, Solano, Tachi, Montero, Samu Araújo, Cristian, Manny, Óscar, Toni Moya (Carro, min. 83), Óscar Pinchi (Joaquín, min. 88), Camello (Darío, min. 77).

Goles:

0-1, min. 29: Óscar Pinchi; 0-2, min. 69: Camello; 0-3, min. 93: Joaquín.

Árbitro:

David Iglesias Gutiérrez. Amosou cartón amarelo a Rai Marchán e Ibán Salvador polo Celta B e a Dos Santos, Tachi, Montero, Cristian, Manny e Toni Moya polo Atlético B.

Incidencias:

Partido da vixésimo sétima xornada en Segunda B disputado no campo de Barreiro ante 600 persoas.

Contenido patrocinado

stats