Chapela escribe a historia

Traiñeiras

A traiñeira berete masculina obtivo onte o ascenso á ACT para converterse na primeira traiñeira da ría de Vigo non moañesa que vogará na máxima categoría do remo en banco fixo

Publicado: 21 sep 2025 - 18:58 Actualizado: 22 sep 2025 - 09:44

A delegación de Chapela celebra o ascenso do equipo masculino á Liga ACT despois de rematar na segunda posición na promoción de ascenso.
A delegación de Chapela celebra o ascenso do equipo masculino á Liga ACT despois de rematar na segunda posición na promoción de ascenso.

Vogar longo, con tranquilidade e con forza. Nun día de mar calmo, de interior, de ría, a chave é manter toda a potencia sen pasarse de voltas e esa pausa, ese saber estar chega pola experiencia e polo traballo feito. Así remou Chapela onte tras a segunda posición do sábado en Bermeo e a finalización foi o ascenso á máxima categoría do remo, á Liga ACT masculina (Eusko Label). No intento quedou o bote feminino berete e as dúas traiñeiras de Tirán Pereira. O reto non era nada doado e, polo menos, un barco da Ría de Vigo acada un ascenso que xa é historia deste deporte. Por primeira vez nas augas que bañan a cidade acada o ascenso un barco non moañés. Ata agora, soamente Tirán e Samertolameu sabían o que era estar, pasar, gozar e padecer na máxima categoría. Agora acadou Chapela a conquista.

A cita en Portugalete sempre está condicionada polo sucedido o día anterior. E así foi porque co resultado do sábado, a tripulación berete que dirixe o vigués Juan Zunzunegui sabía que tiña pé e medio na máxima categoría. Kaiku, que podería ser a principal ameaza, era o barco que, por forza, podía supoñer un perigo, pero o día precedente asinou unha actuación mala coa cuarta posición. A “Arealonga” tiña que manter o seu rendemento habitual, sen fallar, nun campo de regatas de calma e en formato contrarreloxo. Sen problemas de ondas, sen problemas de correntes, de moita forza.

Así sucedeu porque Kaiku saiu a estourar a regata. Tiñan que buscar unha milagre en forma de vitoria e apostaron por ela dende o inicio, pero non había gas suficiente. Santurtzi aguantaba o ritmo no primeiro longo e Chapela, con vogar longo, pausado, sen asfixias, cedía cinco segundos. Quedaba marxe e Arkote, terceira o sábado, amosou dende o inicio que en mar chá non ten a forza dos outros barcos.

Tras o resultado do sábado, onte o barco berete remou tranquilo e longo para repetir posición

No ecuador da proba, Kaiku continuaba a loita con Santurtzi, pero non gañaba marxe para a sorpresa cunha Chapela que mantiña a distancia sobre os barcos cabeceiros e o resto cedían. Pouco, pero era tendencia. Na última ceavoga, o ascenso estaba na man porque a referencia xa indicaba que Kaiku non ía gañar a Santurtzi e, ó contrario, Juan Zunzunegui e os seus remeiros tiñan unha marcha máis. A que da a calma de vogar con tranquilidade, deixando o ritmo máximo para o final. Así, recuperaron para cruzar a chegada a catro segundos de Santurtzi -que dominou a promoción con dobre vitoria- e por diante de Kaiku, Arkote e unha Tirán Pereira que pechou a cita con boas actuacións, pero sen opcións.

Así, catro anos despois da chegada de Zunzunegui, Chapela acada o obxectivo do club e o seu patrocinador, Wofco, de alcanzar a máxima categoría tras investir en persoal co técnico olívico, en material cunha traiñeira de última xeración e en remeiros, con calidade e moitas horas de traballo. Agora queda un reto que, probablemente, é meirande. Pasa pola a consolidación nunha competición moi dura e que obriga a ter remeiros canteiráns de calidade como os catro que onte estaban sobre a “Arealonga”. Para 2026 terá que haber cinco en cada regata e para iso, o club leva anos de adicación coa canteira. Por aí pasa o futuro.

Por outra banda, a formación feminina quedou ás portas e coa sensación de estar un paso por detrás das traiñeiras vascas ó asinar a cuarta praza na súa promoción. Tirán Pereira, que viaxou con dous barcos, pechou os dous ‘play-off’ e, no seu caso, sabe que está no camiño, pero debe sumar un punto de rendemento nos homes e quizáis, dous en mulleres. A promoción tamén é un golpe de realidade.

Juan Zunzunegui: “A xente da casa traballou para dar este nivel”

O adestrador de Chapela, Juan Zunzunegui, estaba feliz tras acadar o ascenso: "Estamos contentos, foron dous regatas duras, pero as ambas as fixemos completas e con bo rendemento". O preparador indicou que “o sábado en Bermeo era un día difícil, pero nós estivemos cómodos nas regatas de mar picado este ano. Santurtzi era o favorito, pero ó resto de barcos quedaron por detrás. En Portugalete xa contaba cunha primeira parte da proba moi axustada, pero na segunda metade fixemos diferenza. Mentres fora por detrás Arkote, as cousas irían ben e mantivemos esa calma, con boa remada e sabendo que no último treito podíamos recuperar".

Os remeiros de Chapela celebran o ascenso ó rematar a regata.
Os remeiros de Chapela celebran o ascenso ó rematar a regata. | TOÑI/Remeirando

Acadar o salto de categoría, “como adestrador, é ver como levantamos o proxecto dende a Liga B ata a máxima categoría. Conseguimos sumar a xente e que os da casa puideran traballar para chegar a este nivel e ascender”, expresou o vigués Juan Zunzunegui que optou por recalar en Chapela cando deu por finalizada a súa traxectoria no País Vasco.

Agora toca traballar para 2026 e “teño pensado o que facer porque é obrigatorio. Teño claro que o principal é manter o grupo. Tivemos unha reunión e parece que a xente vai seguir. A partir de aí, temos que traballar cos da casa para metelos na traiñeira principal. Tras iso, temos as portas abertas a calquera reforzo”.

Contenido patrocinado

stats