As cativas foron de ouro

ampionato de españa de bateis

Samertolameu acadou a vitoria na categoría infantil feminina nun día con mando vasco

Deusto, Astillero e Chapela (da parte inferior da imaxe á superior) formaron o podio da categoría absoluta feminina.
Deusto, Astillero e Chapela (da parte inferior da imaxe á superior) formaron o podio da categoría absoluta feminina.

O campo de regatas de Meira albergou onte un Campionato de España de bateis marcado pola choiva, pero que aínda así gozou de boas condicións para un certame estatal no que os equipos vascos marcaron a pauta, especialmente nas categorías absolutas, nas que acadaron a vitoria. Samertolameu meteu ó seu batel infantil feminino no alto do podio e Chapela acadou ata tres medallas e liderou o palmarés das entidades da Ría de Vigo.

Nas mulleres adultas viviuse unha final axustada, cos cinco barcos en oito segundos e vitoria para Deusto. Na primeira baliza, o bote que meteu a proa foi San Juan, que pechou a final. Xa no ecuador da proba pasaron catro barcos nun segundo con Chapela en plena loita pola vitoria. Non foi ata o terceiro longo cando Deusto e Astillero racharon a regata, pero as remeiras de Redondela tiveron capacidade para manter a fe de entrar no podio e accederon á terceira praza por diante de Perillo e San Juan.

Na proba sénior de homes viviuse unha regata de gran nivel, pero un dominio claro de Santurtzi (Itsaoko Ama), que mandou dende o primeiro longo e marcou o ritmo, con rendas curtas de dous ou tres segundos, pero sen baixar a velocidade baixo a batuta do local Nando Rúa, que sumou unha nova vitoria co equipo vasco. Na segunda posición, o vigués Juan Zunzunegui salvou con Zierbena a prata grazas á photo-finish porque a diferencia con Samertolameu foi de dúas centésimas. Inapreciable. Seguramente, os remeiros locais quedaron máis desgustados que felices.

Nas diferentes categorías de base, Samertolameu comezou a xornada de finais coa vitoria do seu batel infantil feminino e, deste xeito, situou no alto do podio a un dos seus barcos. A fotografía da vitoria na casa sempre é especial. Nesa categoría pechou o podio Tirán Pereira.

O club de Chapela estivo preto da vitoria, pero tivo que confirmarse con dúas pratas e o mencionado bronce sénior. Nas categorías femininas, o barco xuvenil quedou a menos de tres segundos da vitoria, que foi para Orio. Nos cadetes de cativos, a diferenza coa vitoria elevouse a algo máis de tres segundos e tamén foi o club de Guipuscoa o que superou á tripulación do paseo de Cardona.

O palmarés para os clubes da Ría de Vigo completouno Robaleira, co terceiro posto en categoría cadete feminina nunha xornada con ata trece podios galegos. Bueu, Rianxo e Mecos tamén acadaron un título.

Contenido patrocinado

stats