Carrera manda na casa

CICLISMO

O ciclista vigués marca o mellor tempo no Galego de enduro para impoñerse en sub-23

Publicado: 14 jun 2021 - 02:57 — Actualizado: 15 jun 2021 - 01:02
Os ciclistas afrontaron treitos de moita velocidade e técnicos con outros nos que era necesario dar pedais para non perder tempo.
Os ciclistas afrontaron treitos de moita velocidade e técnicos con outros nos que era necesario dar pedais para non perder tempo.

Era o favorito e cumpriu o prognóstico. O vigués Nicolás Carrera (Justbikes-Transition) acadou a vitoria no Campionato Galego de enduro que se disputou onte en Saiáns e Camos dentro do certame Vigo Bike Contest e que tivo unha gran actuación dos representantes do Coruxo, que acadaron cinco podios con dúas vitorias.

Carrera competiu co dorsal 1 e asumiu o favoritismo dende o primeiro treito no que se puxo no liderado seguido por Mauro González, do Salvaterra. Na segunda baixada xa parecía claro que, salvo un erro en forma de caída, serían os dous máis rápidos do día. Quedaba por resolverse a súa fermosa loita. O vigués resultou primeiro e, por idade, fíxose co título sub-23, mentres que o de Salvaterra acadou a vitoria en elite. En mulleres rexistrouse unha participación baixa con soamente tres ciclistas, pero o triunfo elite acadouno toda unha lenda no ciclismo galego, Isabel Castro.

Nas categorías de formación viviuse un claro mando do Coruxo. O seus ciclistas puideron aproveitar o coñecemento do terreo porque os treitos, a pesar de ser segredos hasta esta semana, eran en Saiáns e Camos co comezo nas inmediacións do Maúxo Grande, unha zona lindeira e de adestramentos para os deportistas do club vigués.

Anxo Carril abriu o 'triplete' olívico na categoría júnior por diante de Raúl Miranda e Manuel Loureiro. Pola súa banda, Danny Buba superou a Uxío Atrio, do Maceda, e a Luis Cabaco, tamén do Coruxo, nos cadetes. O campión de España, André Martínez (Avanza Porriño) cometeu un erro no último treito do día e perdeu uns segundos que o fixeron caer ata a cuarta praza.

Na categoría de bicicletas eléctricas, a vitoria foi, cunha renda ampla, para Javier Fernández, do Bicicletas Quinquena, que superou a David Pazos (Rocasport) e Darío Patiño (Ciclosquintena).

A sesión transcorreu sen incidentes e por un terreo seco con algúns metros de terra seca, que deu algún susto ós participantes, pero sen feridos nin traslados ó hospital entre os case 200 participantes no evento. As baixadas combinaban zonas de pendente con outros momentos de dar pedais para gañar velocidade, o que esixiu un esforzo extra ós participantes nunha xornada de calor. En todo caso, o Galego, coas medidas sanitarias necesarias, saíu adiante nun ano de dificultades debido ó covid.

Contenido patrocinado

stats