Carlos Porto e Sofía Freaza obteñen unha vitoria clásica

Atletismo

A Nocturna de San Xoán celebrouse onte con 435 corredores na meta do Berbés

Publicado: 24 jun 2024 - 10:39 Actualizado: 24 jun 2024 - 10:39
Noemí Álvarez, terceira muller, para o reloxo ó pasar a liña de meta no Berbés.
Noemí Álvarez, terceira muller, para o reloxo ó pasar a liña de meta no Berbés.

Troco de tendencia na categoría masculina dentro da Run Run Vigo e prognósticos case cumpridos na feminina polo visto nas últimas carreiras. A presenza do vigués Carlos Portos, especialista en pista, mudou o funcionamento interno dunha carreira que, por outra banda, é especial polos moitos metros costa abaixo que permite sacar moita velocidade. Porto gañou e, por detrás, Emilio Pérez Groba e Pablo Camescasse o secundaron no podio. Na loita pola vitoria no certame municipal, José Alberto Bastos foi cuarto por diante dun Carlos Enrique Gutiérrez que non acadou o seu rendemento habitual e quedou na quinta posición a un minuto da vitoria. Mal día.

En mulleres, Sofía Freaza confirmou a tendencia das últimas semanas para acadar a vitoria con Noemí Álvarez, líder do Run Run Vigo na terceira posición. Entre elas meteuse Patricia Varela, menos habitual no calendario vigués.

E, pouco a pouco, foron chegando os corredores ata completar os 435 corredores que cubriron a Carreira Nocturna de San Xoán e, como é habitual, moitos deles sen respiración por tentar aguantar esa alta velocidade a que invita correr a primeira metade da proba. Iso si, os máis veloces en recuperar o alento tamén son os que antes aproveitan o vale de sardiñas que se entrega ó cruzar a liña de meta porque a cita xa acadou a cuadraxésima edición. Unha proba verdadeiramente clásica no atletismo vigués.

E, tamén, unha excusa para facer deporte antes da noite meiga, que sempre invita a realizar algún exceso. Se antes cúmprese coa actividade física, a conciencia está máis liberada na festa das cacharelas, que no Berbés, chega con mangueirazo. Aínda que iso xa é a crónica doutra sección.

Contenido patrocinado

stats