Atletismo
Mos corre contra el cáncer
Vuelta a España
Carlos Canal (Xinzo de Limia, 28 de xuño de 2001) é o único ciclista de Galicia no pelotón da Vuelta a España. Milita no Movistar, o conxunto español do World Tour, e busca unha vitoria de etapa. Sería un soño gañar en Galicia e tamén é o obxectivo do conxunto telefónico nunha rolda por etapas marcada polas protestas a favor de Palestina e contra a participación do Israel Premier Tech no evento. “Pedimos que ninguén se cruce diante dos ciclistas”, di sobre esta situación.
Como valora o que vai de Vuelta a España?
Está sendo unha Vuelta moi moi boa tanto para min como para o equipo. Sobre todo no global do Movistar estamos traballando ben con ata tres segundos postos. Falta acabar de rematar, pero está moi complicado porque un único equipo acapara a metade das vitorias (UAE). Quedan seis opcións e hai que ir a por todas.
Non ter a un ciclista para a xeral, como troca a organización do equipo?
Agora trocamos a mentalidade totalmente. A idea é meter a ciclistas en fugas en todas as xornadas, pero si que continúa habendo unha xerarquía sobre quen ten que ir na escapada, quen ten que axudar e o que ten máis opcións de intentar gañar nesa xornada. Todo isto, sen ter ese ciclista ó que hai que apoiar todos os días. Imos rotando en función das características. En Monforte a idea era ir con Orluis Aular e fixo segundo. Competimos para iso con tres na fuga entre os que estaba eu. Foi a dinámica boa e nos gañou un ciclista mellor (Pedersen).
A vostede que lle piden dende a dirección do equipo?
Depende do tipo de etapa. Eu son un ciclista que pasa a media montaña e estou centrado nesas xornadas. A de Monforte era unha delas, pero meteuse Aular que aínda é máis veloz nun final, e optamos por esa baza. Hai que saber sacrificarse para buscar un bo resultado do equipo. Agora en Mos tamén é propicia para min. Intentarei estar na fuga, pero creo o 80% do pelotón levará a mesma idea. Vai estar moi caro entrar.
Está na casa e con etapas que son boas para vostede.
A verdade é que son as que mellor se adaptan. E a iso engádese que tes a motivación extra de estar na casa, de ter a todo o público preto e motivo. Isto fai que poidas dar un pouco máis e sacar un bo resultado. Ó chegar á terra nótanse moito os ánimos. Fai que me veña arriba un pouco e que force un punto máis para satisfacer a todo o mundo.
Este enfoque que teñen, como troca a forma de correr?
É bastante diferente a maneira de enfocar a carreira. Por dicilo así, tes máis días libres porque soamente tes a misión de axudar a un compañeiro a entrar na fuga ou axudalo nun sprint. O resto da xornada é con máis relax, non hai que ir cun líder no que estás todo o día pendente de que non aparezan problemas nin nada. Iso si, os días que hai que ir a por algo, tes que estar máis centrado e con máis responsabilidade porque non hai ese líder sobre o que recae a presión. Por sorte, temos un grupo de ciclistas mozos, con boa relación, e somos capaces de cubrirnos uns a outros na loita entre equipos.
Sáese a moita velocidade para a fuga e, despois, como chegan ó final de etapa.
Son esforzos que se pagan. Tiven días nos que houbo etapas de montaña de sacrificarme para neutralizar escapadas que non interesaban e, deste xeito, que o noso corredor, en lugar de ter que facer varios esforzos, teña opción de entrar no corte facendo un ou dous. Realmente non serve para nada que entre un ciclista na fuga, pero xa vaia morto e non aguante ninguén. O que entre na fuga, ten que estar con forza para loitar por gañar no treito final do día.
Soñou moitas veces gañar en Galicia?
Estrear o palmarés en Galicia sería o máximo o que podo aspirar, a miña ilusión. Espero que chegue e se non é nesta Vuelta a España, que poida ser no Gran Camiño do vindeiro ano. Estou loitando por acadalo. Cada ano melloro no meu nivel. Teño 24 anos e creo que aínda teño progresión por diante para facelo aínda mellor. Si que noto que estou máis preto de acadar ese primeiro triunfo. Teño a sorte de ir ben en todos os terreos, pero sen ser un especialista en ningún. É complicado porque hai moitos corredores que gañan ó ser moi especializados nun tipo de percorrido específico, como Philipsen no sprint ou Pedersen en etapas máis chás. Eu vou mellor na montaña, pero fáltame a punta de velocidade para competir con eles. Iso si, nas voltas curtas dunha semana destaquei moito este ano con podios na clasificación xeral e por aí pode ir a miña carreira. Son capaz de estar sempre adiante. É necesario atopar o meu sitio no ciclismo e sempre loitar por intentar gañar.
En que terreo nota vostede que destaca máis?
Pois nesas xornadas con ascensos curtos de cinco ou dez minutos que se repiten e tamén en xornadas de moita fatiga, de ir rápido todo o día. E, sobre todo, nese contexto chego ben ó final. Por iso estou atopando o meu lugar en probas de Bélxica e Países Baixos. É un ciclismo moi diferente. Non podo afirmar que é o que máis me gusta porque son competicións moi duras e con perigo, pero si é onde teño mellores resultados e vou mellor en función das miñas características. Teño que facer carreira aí. Non deixa de ser probas que se adaptan ó ciclocross, que é unha especialidade que pode dar ese plus que permita loitar por vitorias. E, de feito, a maioría de ciclistas que destacan aí son os que proceden do ciclocross.
A Vuelta está marcada polas protestas sobre Palestina, que piden a expulsión do equipo Israel. Como o valoran dende dentro?
Na etapa de Monforte tocounos de preto porque unha persoa quixo meterse na estrada. Por sorte tropezou e non foi a máis. Pola nosa parte, viuse afectado Javi Romo, que ten un golpe grande. Sobre as protestas, temos algo de medo porque somos simples traballadores que estamos competindo e non temos ningunha opinión sobre nada nin queremos meternos en temas políticos. Queremos facer a carreira e estamos completamente dacordo en que a xente se poida manifestar. O que non queremos é que se poida poñer en perigo a nosa vida ou alguén poña a súa propia porque hai xente que igual non é consciente de que se se cruza diante de corredores que van a 50 quilómetros por hora non podemos parar a bicicleta. Se chocamos contra unha persoa a esa velocidade, podémonos facer moito dano e a eles tamén.
Como pode evolucionar?
Gustaríame competir nas clásicas do norte de Europa e nas voltas de varios días que se realicen por alí. E, despois, competir nunha gran volta ó ano que sempre está ben para recordar o que é unha boa dor de pernas. Tamén para ter esa dobre labor de poder disputar as grandes clásicas e, despois, nunha proba de tres semanas como a Vuelta ou o Tour, trocar a labor a gregario. Traballar para un líder e ser válido para o equipo todo o ano. Este ano xa estiven preto de ir ó Tour, aínda que ó final non se deu. Espero poder facelo o ano que ven, aínda que hai que ver se o calendario o permite e tamén facelo o mellor posible para entrar no equipo.
Leva o control de peso?
Hoxe en día está todo controladísimo con nutricionista, cociñeiros e un camión cociña propio que nos prepara a comida e, incluso, podemos comer alí. Entón, é moi duro por unha parte, pero é o noso traballo e o equipo pon todas as facilidades. Así é o ciclismo moderno.
Analiza os seus datos de potencia?
Cada ano que pasa prefiro apartarme un pouco de todo iso, pero ás veces si que os consulto e asusta un pouco. Despois da etapa de Monforte o estiven consultando para ver o que fixo falta para estar na fuga. Foron dos mellores números da miña vida e estaban corenta ciclistas no grupo. Quedas coa boca aberta do nivel que hai hoxe en día no ciclismo. O consultamos para ter cousas de falar, pero queda todo en mans dos preparadores que son os que lle dan voltas á cabeza, pensan nos adestramentos e en todo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar