Boas festas, atléticas

Atletismo

Alejandro Fernández e Uxía Pérez acadan a vitoria no Porriño entre o lucerío da celebración do patrón nunha Interruning que gañaron Anxo Otero e Julia Vaquero nos 5.000 metros

O centro do Porriño encheuse de atletas que percorreron as rúas repletas das lámpadas correspondentes ás Festas do Cristo da Agonía.
O centro do Porriño encheuse de atletas que percorreron as rúas repletas das lámpadas correspondentes ás Festas do Cristo da Agonía. | Vicente Alonso

Cando as luces penduran nas casas pola rúa ou é Nadal, que en Vigo comeza no estío, ou son as datas das festaspatronais. A carreira de onte foi no Porriño e, polo tanto, a opción boa é a segunda. Os corredores da Interruning das Empresas afrontaron a proba a toda velocidade nunha xornada festiva unhas horas antes de acender as lámpadas led para iluminar a vila da Louriña. O vindeiro venres comeza o programa forte das actividades nocturnas, que veñen xa celebrándose dende ai tempo nas parcelas culturais e deportivas como a de onte. E, quizáis por este ambiente de festa, a animación resultou notable na localidade.

No apartado puramente deportivo, os voceiros da verbena foron o ourensán Alejandro Fernández e a tudense Uxía Pérez Bugarín, que acadaron vitorias cómodas na proba longa e raíña dos 10.000 metros e dobre pase ó veloz trazado porriñés. Na proba dunha volta, a histórica Julia Vaquero acadou a primeira posición con Anxo Otero como gañador entre os homes. Por detrás, outros moitos atletas e con loitas por vitorias en categorías secundarias de idades, parellas ou cuartetos. Calquera combinación pode ser boa para facer unha boa festa no horario da sesión vermú.

En total, 925 corredores completaron as probas de adultos e, a continuación, a vila encheuse de nenos á carreira para as categorías inferiores, que non tiveron clasificación. A xornada comezou cunha andaina e, en definitiva, todo louriñés que optou por facer deporte tivo onte o lugar preciso onde facelo. E, no caso de non entrar no esforzo, había tempo para animar dende as beirarrúas nun evento con preto de 2.000 participantes.

Contenido patrocinado

stats