A beleza de case 300 penedos
Trail
José Manuel Gil e Kenia Estrada levaron a vitoria no Trail dos Penedos solidario en favor de Bicos de Papel
A parroquia de Castro Barreiro en particular e todo o concello de Salceda de Caselas en xeral celebraron onte a décima edición do Trail dos Penedos, que congregou a case 300 deportistas para correr nas tres distancias establecidas no evento organizado pola Asociación Nós somos Nós. Ademais, o BTT dos Callos uniuse ó festexo. De feito, ó rematar as probas houbo varios perolos desta especialidade invernal agardando polos deportistas. Tamén polos que completaron a andaina non competitiva de 10 quilómetros. E o máis importante, todo o recadado destinarase a asociación Bicos de Papel. Porque a solidariedade vai da man co esforzo.
No aspecto competitivo, José Manuel Gil e Kenia Estrada acadaron as respetivas vitorias na proba raíña, a longa, de 28 quilómetros e máis de 1.400 metros de desnivel positivo. Case nada. El empregou 2h33:14 en levantar os brazos por diante do seu compañeiro do Castrelos David Porto (2h35:10) e de David Rodríguez (2h35.18). Ela, pola súa banda, marcou un crono de 3h26:12. Acompañárona no podio Loreto Martínez (3h50:30) e Uxía Fernández (3h52:30).
A cita curta, de 17 quilómetros e 800 metros de desnivel, foi para Silvia Casal (1h38:00) e para Ángel Álvarez (1h33:53). Na proba masculina, Bruno Barros foi segundo (1h33:56) e Arnold Rubio, terceiro (1h34:17). Na feminina, completaron o caixón Nieves Faro (1h52:31) e Alina Tokarenko (1h52:31).
Por último, e con motivo da décima edición, engadiuse un mini trail de 10 quilómetros e 400 metros de desnivel. Unha proba rápida na que se impuxeron Tania González (1h10:40), por diante de Eva Iglesias (1h13:54) e Uxía Collazo (1h14:16); e Pablo García (57:14), que gañou a Felipe González (58:31) e Pedro Álvarez (1h01:01).
Todo isto nun percorrido con paraxes de enorme beleza e co punto enxebre extra que deu a chuvia. Así, entre carreiras, andainas e bicicletas de montaña completouse o Trail dos Penedos máis solidario para comezar o 2026 con forza, bos sentimentos e unha tapa de callos ben quentiña, que sempre vai de marabilla. E máis con esta friaxe.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
fútbol | división de honor juvenil
El Val Miñor conquista un triunfo clave en Pontevedra
Traiñeiras
O reloxo quedou na terra
Lo último