Auga para o regreso ó monte
trail muíños do folón
Iván Roade e Natalia Sierpes acadan a vitoria no Trail Muíños do Folón, a primeira cita do ano no atletismo popular
Saída por quendas e en parellas. Non había pelotón nin grupos grandes. Os atletas tiñan que orientarse sen axuda nin lebres, pero volveu o atletismo popular ó área de Vigo coa disputa do Trail Muíños do Folón no concello do Rosal que viviu a vitoria de dous deportistas coñecidos neste tipo de probas. En homes, o máis rápido foi Iván Roade, especialista en asfalto, e, nas mulleres, Natalia Sierpes, unha referencia nas probas de carreiras polo monte.
O protocolo covid, para minimizar os contaxios, marcou a cita porque tiveron que facerse catro quendas de saída. Os primeiros atletas partiron ás 10:30 horas e os últimos chegaron á meta ás 15:00. Unha circunstancia que obrigou a un esforzo organizativo enorme, pero que tivo como resposta unha participación masiva porque as 400 prazas esgotáronse nun día e onte remataron a proba 389 atletas.
O percorrido estivo moi condicionado pola choiva caída de madrugada, que mollou todo o trazado e favoreceu a aparición de lameiro en moitos puntos. A isto engadiuse que as zonas de herba estaban esvaradías, o que obrigou ós atletas a tomar máis precaucións das habituais. Non obstante, a choiva parou uns minutos antes de comezar a cita e non regresou ata a hora final, na que si mollou ós últimos corredores.
A vitoria, pese a que o trazado da presente edición do Trial Muíños do Folón incrementou a dureza de xeito notable, foi para un especialista en probas de asfalto como Iván Roade. Amosou a súa versatilidade cun triunfo con case dous minutos de renda sobre Daniel Pazó, un especialista nas probas de monte. Completou o podio Óscar Guerra. O de Nigrán asinou un tempo notable a un ritmo de 5 minutos por quilómetro, moi rápido nunha proba lenta polo trazado e as condicións técnicas.
En mulleres, o triunfo acadouno Natalia Sierpes (Tribu Trail de Baiona), unha das principais especialistas do área de Vigo nas probas de trail, que superou en oito minutos a Elena Pérez González –gañadora na categoría de máis de corenta anos– e á ferrolá Sara Varela, que rematou terceira da xornada.
A cita de onte no concello do Rosal foi a primeira do ano dentro do atletismo popular no área de Vigo e estivo marcada polos protocolos covid. Non será a única porque o calendario increméntase nos vindeiros meses e, ademais, o Trail Muíños do Folón abriu o ciclo da Pontevedra Trail Ligue, que terá o segundo e o terceiro capítulo co Trail do Trega e o do Monte Aloia, pero no outono. O covid dirá se con formato de saída por parellas ou en grupo.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar
gimnasia rítmica
Unai Sánchez, del Maniotas, tercero en mazas en el Nacional
Rally
Un nuevo Rías Baixas