As visións dende o teito dos montes de Vigo
Trail
Leticia Diz e Adrián Escudero acadaron a vitoria no Trail Montes de Vigo, que pasou polo Galiñeiro e que tivo en Nerea Alamancos e Adrián Sousa ós máis rápidos no percorrido curto
Un día espléndido, un día solleiro, un día para ver as Cíes. Ata Ons. O Trail Montes de Vigo estreaba percorrido, que non saída, para a edición de 2025, con visita ó veciño concello de Gondomar e, con ela, ó cumio do Galiñeiro, que non é do municipio da cidade, pero é o teito de Vigo para moitos pola proximidade e por compartir boa parte da serra do mesmo nome coa parroquia de Zamáns, a máis rural do concello urbano.
Neste contexto de 'Galicia Profunda' ó lado da urbe, con ceo despexado e limpo polo vento do norte, os corredores, dende os 700 metros do monte Arruido e do cumio sur do Galiñeiro, podían divisar unha paisaxe maxestuosa e despexada e, quizáis, tamén algúns sentiron que debe chegar choiva máis cedo que tarde para evitar os incendios que en outubro de 2017 tinguiron de negro gran parte do percorrido feito onte e que recorda a Mancomunidade Montes de Vigo con esta cita atlética.
Son desexos, pensamentos, motivos polos que correr dentro dunha competición na que mandaron onte Adrián Escudero e Leticia Diz. Son os que gañaron a proba longa de 24 quilómetros e 930 metros de desnivel, que combinou un inicio e un final rápido, cunha zona central dura e, por momentos, técnica con carreiras en rocha. Adrián Sousa e Nerea Alamancos gañaron a proba curta de 12.000 metros, que eliminaba a parte complicada da serra do Galiñeiro ó dar volta en Zamáns cara Beade.
A cita viguesa entrou este ano no certame Pontevedra Trail League, que ten como líderes, precisamente, a Diz e Escudero. En Vigo consolidaron o liderado e na Guarda (23 de novembro) deberán pechar o título.
Contenido patrocinado
También te puede interesar