As lendas do Aloia devecen por correr no seu trail

Trail

José Martín Fontán e Diana Domínguez acadaron a vitoria nun Trail do Aloia que mistura dureza con beleza paisaxística nunha carreira que congregou a 579 deportistas en Tui

Publicado: 09 feb 2026 - 09:05 Actualizado: 09 feb 2026 - 09:06
Os regatos e os fentos como espectadores, os piñeiros e os carballos como telón de fondo e a rítmica música de cada chancada sobre a follaxe e a ramallada no chan do Aloia.
Os regatos e os fentos como espectadores, os piñeiros e os carballos como telón de fondo e a rítmica música de cada chancada sobre a follaxe e a ramallada no chan do Aloia. | Miguel Rúa

Galicia é manancial de lendas. De tradición oral que pasa de xeración a xeración coa liña entre a realidade e a imaxinación diluida nas tebras dos tempos. E mesmo así, dentro da propia terra meiga existen lugares únicos, nos que o vencello co mito é aínda máis forte, nas que os rebumbios das súas historias chegan alén do altofalante propio da zona. É o caso do monte Aloia, parque natural tudense, que garda misterios entre o abanear dos seus piñeiros, o murmurio das matogueiras ó paso das serpes e o siseo das curuxas nas noites. Disque alí, as eguas quedan preñadas polo soprar do vento ou que na tumba de San Xián, polo que hai grande devoción no Baixo Miño, non medra a herba. Mesmo hai quen di que o mítico monte Medulio é o propio Aloia. Por todo isto, os case 600 deportistas que onte afrontaron o seu trail, mergulláronse nesta postal perfecta do que significa o enxebrismo. Non todo ían ser os anuncios do Gadis.

O certo é que a proba deparou a dureza de sempre e a beleza de sempre. Ou aínda máis. Porque o repouso que onte deron as persistentes borrascas permitiu ver unha carreira coa humidade ben presente, con lameiro e sen sol, mais tamén sen chuvia. Así, os deportistas deslizáronse polos dous percorridos coma pingas nos fentos. E na proba raíña, a que esixía ós corredores durante 20 quilómetros, José Martín Fontán e Diana Domínguez levantaron os brazos ó final. Na curta, de 12, Diego Pons e Lucía Carrera apañaron as vitorias.

Fontán, todo un clásico destas probas que misturan atletismo e montañismo -de feito ámbalas dúas federacións reclaman a modalidade-, empregou 1h48:37 segundos para vencer por diante de Ricardo Esteves, a pouco máis de medio minuto (1h49:12) e Dani Domínguez (1h51:54). Na proba feminina, Domínguez prevaleceu (2h10:43) nun emocionante final con Silvia Casal, que entrou en meta somentes a 12 segundos (2h10:55). Xa máis lonxe, Leticia Diz compretou o caixón cun tempo de 2h21:56.

A proba curta, máis nerviosa, exprimiu as enerxías dos competidores en menos tempo. Aínda así, Diego Pons marcou a pauta cun triunfo claro (1h03:39) por diante de Anxo Otero (1h05:42), campión do circuito municipal RunRun Vigo o ano pasado. Felipe González, outro habitual das carreiras polo monte, foi terceiro (1h06:50). Entre elas, Lucía Carrera (1h25:05) impúxose por algo máis de medio minuto a Bryony Izzard (1h25:40), con Julia Sampedro no terceiro chanzo do podio (1h28:04).

Foron os nomes que figuran na cabeceira da listaxe clasificatoria. Mais, todos gañaron. Primeiro por completar unha cita tan esixente como esta. Segundo, por gozar do deporte nun marco de extraordinaria beleza como o parque natural tudense. E terceiro, por misturarse coas lendas que alí agroman dende hai séculos. Mesmo elas devecen por correr o Trail do Aloia.

Contenido patrocinado

stats