Ares pasa do márketing

Traiñeiras

O bote de Ferrolterra gañou en Boiro a súa cuarta bandeira seguida e deixa a ‘liga de catro’ nun mero produto de mercadotecnia nun día no que Chapela foi segunda e Tirán, quinta

O patrón de Chapela prepara o cronómetro mentras ten a estacha agarrada, un chisco antes de tomar a saída da quenda de honra onte en Boiro.
O patrón de Chapela prepara o cronómetro mentras ten a estacha agarrada, un chisco antes de tomar a saída da quenda de honra onte en Boiro.

En primeiro termo foi por convicción. Logo, se cadra, por ilusión. E, antes de renderse ó poderío de Ares, case por desexo. Pero, o certo é que o barco de Ferrolterra está a amosar que aquela Liga Galega A de catro candidatos ó título quedouse en pouco máis que un eslogan. Non foi máis aló das primeiras regatas. Onte, a “Santa Olalla” volveu gañar. Desta volta, na Bandeira Mariña de Boiro, para encadear catro vitorias consecutivas que a deixan como campioa virtual da competición.

Máis aló de Ares -concretamente trece puntos máis aló- vén o resto. E nese grupo está Chapela, que onte rexurdiu tras unhas malas regatas e deu a súa mellor versión para estar nos postos cabeceiros. O bote laranxa pelexou nun fermoso man a man con Bueu, á que superou por 24 centésimas para acadar a segunda posición na bandeira barbanzana. Iso si, en quendas distintas porque a “Maruxía” bogou na segunda rolda trala discreta quinta posición do sábado. Pese a melloría, o barco chapeleiro continúa a pagar o lastre das semanas anteriores e segue quinta na xeral.

E segue aí pola sensacional irrupción de Castropol nunha especie de efecto espello coa tripulación de Juan Zunzunegui. O barco asturiano está a dar un rendemento sobresaínte e onte superou con claridade a Tirán para rematar cuarta. A “Mar do Con” marcha terceira, a seis puntos de Bueu. Non moi lonxe do bote moañés entrou Cesantes, que acadou un sobranceiro sétimo posto para quitar o agrio sabor de boca do décimo do sábado. A “Illa de San Simón” ten garantida a permanencia. Pola súa banda, Meira B volveu ser última e pelexará no play-off -non hai descenso directo- por salvarse.

Chapela B firma un discreto quinto posto

A Liga Galega B completou a súa primeira fin de semana con dobre regata coa Bandeira Concello de Oleiros celebrada onte no campo de regatas de Santa Cristina, fronte a Coruña. Alí, Muros-Esteirana prolongou o seu dominio cunha nova vitoria que a confirma como a mellor da competición -gañou todas as regatas excepto a primeira-.

Pola súa banda, a filial de Chapela baixou as súas prestacións con respecto ó sábado en Mugardos, onde obtivo unha espléndida terceira praza. O bote berete caeu á quinta posición na Ría do Burgo, mais mantén sen maior problema o seu cuarto lugar na clasificación xeral, a tres puntos de Amegrove, que é terceira.

Contenido patrocinado

stats