Ares non perdoa na casa

Traineras

O barco de Ferrolterra xa bota contas de cando será campión, Chapela gañoulle a Tirán na pelexa pola segunda posición e Meira fixo a mellor regata do curso ó rematar cuarta

A tripulación de Chapela, en pleno esforzo na cita de Ares, que serviulle para afianzar a segunda posición que da dereito ó play-off de ascenso.
A tripulación de Chapela, en pleno esforzo na cita de Ares, que serviulle para afianzar a segunda posición que da dereito ó play-off de ascenso.

Cabía amarrarse á lei de Murphy para pensar que, despois de que Ares gobernase a Liga Galega A durante case todo o verán, podía fallar onte na súa Bandeira. Nin por esas. Á “Santa Olaia” non lle puido a presión de vogar na casa, nin a posible relaxación de ter a liga gañada nin a mentada lei da mala sorte. Simplemente, fixo o de sempre. Na loita por ser a mellor do resto, Chapela superou a Tirán en resposta ás dúas últimas regatas, nas que os moañeses estiveron por riba. E non moi lonxe, Samertolameu, que completou a súa mellor actuación estival cunha cuarta posición de moito mérito neste ano de transición coa tripulación misturada entre mozos e veteráns.

Como é lóxico, Meira gañou a súa quenda, a segunda. Superou a Rianxo, que case sempre estivo por diante no que vai de curso. “A Terca” andivo moi ben nas condicións que presentaban as augas da marxe norte da ría de Betanzos. Tanto, que mesmo superou a Castropol, que foi última na quenda de honra e tamén rematou por detrás dos remeiros de verde, a un sensacional nivel onte.

Na loita das mellores, Ares foi profeta nas súas augas e respostou ó alento dos seus siareiros cunha boa vitoria. A “Santa Olaia” colleu a cabeza dende o primeiro longo e xa non a soltou máis. Chapela entrou a trece segundos, con sete de renda sobre Tirán, nunha regata na que as posicións iniciais mantivéronse ata a última padá.

Quen non puido acadar o nivel amosado hai algunha semana foi Cesantes. O barco flúor volveu ser último, sen opcións de ningún tipo nunha primeira quenda gobernada polo filial de Cabo da Cruz. A “Illa de San Simón” entrou a case 40 segundos de Narón, moi afundida, e xa conta os días para consumar o descenso.

Esta situación, o título de Ares, a loita pola segunda praza que da dereito ó play-off e o resto de prerrogativas propias dos finais de campaña decidiránse neste mes. Quedan tres regatas puntuables, o vindeiro sábado en Muros, o domingo en Boiro e o día 24 na primeira xornada do Teresa Herrera. A recta final.

Tirán Pereira afunde en Pasaia

Era evidente que a tempada ía ser moi dura para Tirán Pereira en ACT. E así o está a ser. Quitando algunha regata na que acadou o penúltimo posto, a tripulación moañesa está instalada na última posición, que onte volveu ocupar na Bandeira Eraikuntzako de Pasaia. Ese lugar como pechacancelas tamén o replica na clasificación xeral e o único que lle resta é rematar a experiencia na máxima categoría do mellor xeito posible, antes de retornar o vindeiro verán ó remo autonómico.

Como é costume, Arraun Lagunak levou a vitoria e continúa coa súa xeira inmaculada, que xa é histórica. O bote donostiarra, coa canguesa Bea Piñeiro, acadou o seu triunfo número 14 e xa queda soa como a traiñeira con máis bandeiras da historia da Liga. Só lle falta facer o pleno.

Entre os homes, Bueu volveu ser última. Cabo estivo a un sensacional nivel e foi quinta. A vitoria foi para Urdaibai, que amosou novamente o seu dominio.

Contenido patrocinado

stats