Contra Ares, non te pares

Traineras

O barco de Ferrolterra disipou dúbidas e arrasou na Bandeira Illa de Samertolameu por diante da mellorada Tirán, mentres que Chapela pagou o esforzo do sábado e foi cuarto

A cidade de Vigo foi o perfecto telón de fondo para a regata que tivo o peirao de Meira, en Moaña, como centro de operacións.
A cidade de Vigo foi o perfecto telón de fondo para a regata que tivo o peirao de Meira, en Moaña, como centro de operacións.

Di a cantiga popular que se vas a Ares, non te pares. Máis aló do desacerto do dito -é unha vila verdadeiramente fermosa-, o que está claro, alomenos nas traiñeiras, que quen non se pode parar é o resto das embarcacións porque a “Santa Olalla” vai sen freo. O bote de Ferrolterra apañou onte en Meira a súa cuarta bandeira noutras tantas regatas e confirmou que o achegamento do sábado de Chapela a catro segundos quedou no limbo. Non só iso. O barco berete pagou o pato do esforzo e rematou último na quenda de honra ó verse superado por Castropol -terceira- e Tirán, que amosou un magnífico rendemento en augas do eterno rival para recuperar a segunda posición na xeral co mesmo posto na proba. Pola súa banda, Samertolameu acabou sétima porque Mugardos arrebatoulle a sexta posición dende a primeira quenda, onde Cesantes foi quen de sair do último posto por primeira vez.

Foi o resumo dunha mañá chea de verdade. Porque cun mar planiño coma un prato e co vento durmindo ata ben tarde na mañá dominical de onte, non había espazo para mentira ningunha. O que se viu na marxe norte da Ría de Vigo é o que hai. Se quedaba algunha dúbida despois do súper sábado, o líder difuminounas por completo. Ares é o mellor barco deste arrinque de tempada e moito van ter que mudar as cousas para que Tirán ou Chapela poidan non só arrebatarlle o título ligueiro, senón rascarlle algunha bandeira. Dende que os patróns soltaron a estacha, a “Santa Olalla” púxose ó fronte. Ó pouco, xa lle metía unha traiñeira de distancia ó resto. E, coma nunha contrarreloxo, colleu ritmo e non parou. Metro a metro. Pada a pada. Longo a longo. Coma un metrónomo.

O encanto competitivo da mañá estivo por detrás, cos outros tres botes igualados pero coa permanente sensación durante toda a quenda de que ía pasar o que pasou. A “Mar do Con” semellaba ter un puntiño máis de gas pese a que non andivo fina nas ceavogas. Pouco a pouco, o bote moañés foi tomando unha vantaxe que confirmou nun gran último longo. Por detrás, a “Arealonga” perdeu comba metro a metro e o bote asturiano aproveitou para acadar a terceira praza.

Foi unha pequena sorpresa. A máis grande chegou dende a primeira quenda. Mugardos vogou a un nivel moi sobranceiro. Tanto, que só Rianxo fixo mellor tempo no segundo turno. Meira, que foi segunda alí, perdeu un posto para rematar sétima na bandeira da casa máis difícil dos últimos tempos, neste ano de transición no que está a misturar na tripulación unha chea de rapaces con algúns veteranos.

Por último, Cesantes conqueriu o mellor posto do verán. Non foi pechacancelas por primeira vez. E iso que semellaba que o seu esforzo ía quedar en nada. Porque o bote flúor fixo unha boa regata, indo de menos a máis e chegando a poñerse por diante de Narón e moi preto de Mecos. Finalmente, o bote de Ferrolterra apertou para deixar atrás a “Illa de San Simón”, mais a debacle do filial de Cabo na segunda quenda permitulle subir unha praza e rascar dos puntiños que, se ben non a quita de pobre, si que lle da unha pequena ledicia neste mal arrinque.

Contenido patrocinado

stats