Ana Seabra no pavillón da felicidade
Balonmano
A nova adestradora do Guardés, enfróntase ó equipo no que xogou entre 2002 e 2009
Cando cruce a porta de entrada do Funchal Playing Hall con motivo das semifinais da European Cup, a portuguesa Ana Seabra, de 45 anos, farao por primeira vez como adestradora do Mecalia Atlético Guardés e será unha deportista moi diferente á que, con 25 anos, recalaba como xogadora no mellor equipo de Portugal. “Eu xoguei en Madeira e fun campioa en todas as tempadas que estiven alí. Gañamos a liga e a Copa e teño moi bos recordos do equipo. A xente coñéceme ben e vou a unha illa que deume moito e na que medrei moito como persoa e como xogadora. Será especial”, admite a adestradora, que se estrea no cargo esta tarde (18:00).
A súa etapa no clube, e tamén nas categorías base da selección portuguesa, permite á preparadora coñecer ben ao seu opoñente. Advirte que será “un rival duro” e, de corrido, resalta as súas virtudes: “Destaco moito a porteira (Isabel Gois), que é moi boa. Ten xogadoras intelixentes, que entenden ben o xogo, e outras que lanzan dende fóra moi ben. Tamén tentaremos non deixalas correr porque dispoñen dun bo contragolpe. Temos que ter moito coidado nese aspecto e estar preparadas para xogar ante un equipo que vai a crearnos problemas”.
Unha serie de aspectos que indican que o Madeira será un opoñente complicado para o Guardés, a pesar de que a liga en España é de maior nivel. "Temos moito respecto por este equipo. Queremos gañar, pero sabemos que teremos en contra un rival moi motivado para chegar as semifinais dunha Copa. Vai a dificultarnos", reitera a preparadora. Non será o único elemento chave porque tamén espera un gran ambiente no pavilllón de Funchal. “Sera un público quente. A estas alturas da tempada, cun pase ás semifinais en xogo, haberá implicación e moita xente. Espero un pavillón cheo”, admite Seabra.
Baixo este contexto xeral, o Mecalia Atlético Guardés e a súa adestradora buscarán o mellor resultado posible. “Pasa por gañar e por facelo co maior marxe posible para, despois, estar tranquilos na casa. Pero isto non vai ser sinxelo, o deporte é así e nesta fase todo é difícil e temos moito respecto polo rival. Imos con humildade”, reitera a preparadora.
Como amosa o troco no banco, o equipo do Baixo Miño non atravesa un bo momento. É noveno na División de Honra, un posto que obrigaría a loitar pola permanencia na segunda fase da tempada. Lonxe das posición europeas das tempadas precedentes. Seabra leva uns días como adestradora principal tras chegar ó cargo dende o posto de axudante. “Eu e Abel González xa nos complementabamos en moitas cousas e eu tiña confianza para participar nos adestramentos. Moitas veces xa estaba dentro e non pasa nada porque o troco foi feito de xeito tranquilo. Trocamos algunhas cousas, pero estou tranquila porque xa o facía antes e agora é similar”.
As cousas que tentou mudar pasan pola “consistencia”, tanto a nivel individual como táctico. “Chegamos ó final de moitos partidos co marcador igualado e, por detalles, cometemos erros e perdemos. Temos que trocar eses detalles que deciden os encontros”, especifica Seabra. Unha das cousas a mellorar pasan pola mentalidade das xogadoras neses momentos chave. En todo caso, asegura que o equipo está “con tranquilidade. Son deportistas e saben que hai mellores e peores momentos. Tamén saben que hai que trocar cousas e fixemos o traballo para acadalo”, resume a adestradora antes dun partido que será “especial”, pero que “quedará fóra do meu pensamento. Unha vez alí, estarei como adestradora do Guardés. Queremos facer as cousas ben e estarei concentrada no noso traballo".
Ana Carolina Silva tamén xogou no rival, o Madeira
A adestradora Ana Seabra é unha lenda do Madeira, pero Ana Carolina Silva ten un paso moito máis recente polo club portugués porque estivo alí na tempada 2019/20, na que anotou un total de 112 goles, unha cifra alta para unha xogadora que é, fundamentalmente, especialista defensiva. No Guardés tivo uns meses duros porque comezou a tempada lesionada de longa duración, pero volveu en decembro. Pouco a pouco gañou minutos na pista e, aínda que os resultados non acompañaron, aportou moito no centro da defensa. Pouco a pouco, aportará en ataque.
Contenido patrocinado
También te puede interesar