A xuventude ó poder

CICLOCROSS . COPA GALICIA

O ponteareán Miguel Rodríguez e a viguesa Carla Fernández, ambos de categoríasub-23, gañaron onte as probas raíñas do Trofeo Montes de Eiras de ciclocross en O Rosal

Publicado: 14 nov 2021 - 01:39 Actualizado: 14 nov 2021 - 01:58

O Clube Ciclista O Rosal organizou onte unha proba nun percorrido duro pese ó bo tempo.
O Clube Ciclista O Rosal organizou onte unha proba nun percorrido duro pese ó bo tempo.

A Copa Galicia de Ciclocrós alcanzou o seu ecuador onet nunha das clásicas do calendario autonómico. O Trofeo Montes de Eiras celebrou a súa 23ª edición e tivo como grandes triunfadores a dous ciclistas sub-23 que a pasada fin de semana debutaron coa selección española no Campionato de Europa. A viguesa Carla Fernández (Team Farto-BTC) e o ponteareán Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) impuxéronse nas carreiras raíñas da cita organizada polo Club Ciclista O Rosal.

No espazo cedido pola Comunidade de Montes das Eiras estreouse circuíto. Un trazado moi duro, deseñado nun piñeiral, onde resultaba complicado que avanzara a bicicleta pola composición do terreo. A esixencia aínda tería sido maior se estivese enlamado, pero o tempo anticiclónico aliouse cos participantes e concedeulles unha xornada soleada.

A dificultade do percorrido aproveitouna Miguel Rodríguez para marcar diferenzas dende a primeira volta na competición elite-sub23. Despois de que Samuel González (Máis Que Bicis) saíra a por todas, o líder sub-23 da Copa marchouse en solitario antes de realizar o primeiro paso pola meta. A fin de semana seguinte de terse estreado na provincia neerlandesa de Drenthe coa selección española, o corredor do Supermercados Froiz asinou o seu sexto triunfo absoluto no certame galego cun tempo de 54 minutos e 41 segundos.

A 1:20 do ponteareán cruzou a liña de meta Saúl López (Academia Postal-Abanca), primeiro clasificado elite. O monfortino do Maceda superou por 35 segundos a Luis Fernández Oliveira (Avanza-O Porriño), que protagonizou durante boa parte da carreira un pulso co líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal). O top-5 pechouno Samuel González, o qur da conta do alto nivel que se viviu onte na proba rosaleira.

Nesta sétima xornada da Copa chegou a primeira vitoria absoluta da temporada para Carla Fernández. A líder sub-23, tras a súa experiencia nos Países Baixos co combinado estatal, venceu no Rosal cun rexistro de 39:57, batendo por 41 segundos á actual campioa galega elite Irene Trabazo (XSM). A terceira praza na carreira elite-sub23 e júnior feminina correspondeu á xuvenil Uxía Soto (Supermercados Froiz). Cuarta rematou María Jesús Barros, por diante de Isabel Castro (Condado Bike), e a ciclista do Spol mantén a camisola de líder elite.

Victorias repartidas

No resto de categorías destacou o triunfo entre os cadetes de Martín Díaz (Caimanes Betanzos), o primeiro que logra na Copa, nunha carreira na que o líder Tomás Pombo (Cambre Caeiro) sufriu unha picada. O palmarés deste evento completárono María Filgueiras (Río Miera) nas cadetes; Ricardo Buba (Coruxo), unha vez máis, nos juniors; Eva Ortega (Biciosos Rías Baixas) e Alejandro Mesías (Ciclos Quintena) en máster-30; Rocío Blanco (A Forna) e Andrés Calvete (Monte Xalo) en máster-40; Sonia Costoya (Corbelo) e Óscar González (Máis Que Bicis) en máster-50; e Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, participou na entrega de premios celebrada como colofón a intensa xornada de tarde de ciclocross. Xunto a ela estiveron o presidente do Club Ciclista O Rosal, Gerardo Fernández; o presidente da Federación Ciclismo Galego (FCG), Juan Carlos Muñiz; e Óscar Sánchez, directivo da entidade federativa.

A Copa Galicia non se move da comarca do Baixo Miño e hoxe, dende as 09:30, dispútase o I Ciclocrós Concello da Guarda. Miguel Rodríguez e Carla Fernández buscan o dobrete.

Contenido patrocinado

stats