As redes manteñen viva a figura de Carvalho Calero

CULTURA

O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto ferramentas e materiais dos proxectos conmemorativos deseñados para a festa grande da lingua galega

Publicado: 16 may 2020 - 03:00 Actualizado: 16 may 2020 - 20:40

Imaxe icónica orixinal de Carvalho Calero.
Imaxe icónica orixinal de Carvalho Calero.

Galicia intensifica os seus recursos online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio, que xa é o homenaxeado máis dixital de todos os que integran a nómina do Día Grande das Letras Galegas. O impacto derivado da covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados pola Consellería de Cultura e Turismo, en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 impulsada pola Xunta de Galicia, moitos deles, reformulados e ao abeiro da campaña #aculturasegue, gañen espazo en Internet e nas redes sociais. O Portal da Lingua Galega ofrece en aberto para a súa consulta e descarga de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.

Entre eles, atópase o web Carvalho Calero 2020, impulsado pola Agal en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística do Goberno galego, no que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como o acceso a recursos dixitais deseñados tamén no marco desta colaboración, como unidades didácticas para o ensino primario e secundario, ou referencias ás edicións bibliográficas conmemorativas, fotografías que ilustran a súa vida e traxectoria e descarga da imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a celebración deste Ano Carvalho Calero 2020 que a entidade e a Xunta poñen a disposición de toda a cidadanía.

“A VOZ PRESENTE"

Desde este web e tamén desde o Portal da Lingua Galega poderanse ver e descargar desde a semana vindeira e en formato dixital os materiais –paneis e folleto– que configuran o proxecto expositivo "A voz presente", promovido pola Agal en colaboración coa Xunta que iniciará, ata decembro, a itinerancia en diferentes puntos de Galicia e no Concelho de Viana do Castelo (Portugal) en canto as restricións da covid-19 o permitan.

Outro web, carballocaleroenlugo.org, feito polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio Fingoi, homenaxea e divulga a figura do autor e a súa estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 coa exposición Don Ricardo de Fingoi, desde agora tamén en formato dixital. Tamén o portal institucional da RAG ofrece unha entrega diaria de minipezas da serie "Unha palabra para don Ricardo".

Coincidindo co 17 de maio, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), en colaboración Política Lingüística, inundan de novo as redes co cancelo #etiquetadosengalego, lema da campaña Valoremos o noso. Con acento propio, dirixida tanto a empresariado como a consumidores e orientada a poñer en valor o produto etiquetado na nosa lingua e mais o seu consumo.

Os departamentos de Política Lingüística e Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta estrean o novo certame "Lingua de rapear" e os centros educativos atopan un ano máis en lingua.gal os recursos elaborados polo profesorado dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que, desta volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero en todos os niveis educativos.

Debido ás restricións derivadas da covid-19, boa parte das iniciativas previstas adquiren unha dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde internet. Con todo, moitas outras citas adíanse ata o mes de outubro, ao fixar a RAG os actos para o 31 dese mes.

Contenido patrocinado

stats