"Memorias dun Neno Labrego" cumpre 60 anos
CULTURA
A Cidade da Cultura acolle un acto homenaxe a Neira Vilas y a "Balbino", o protagonista da obra
"Memorias dun neno labrego", a obra mestra de Xosé Neira Vilas, cumpre 60 anos desde a súa publicación en Bos Aires e consolidouse como un clásico universal, ademais dun dos libros máis lidos e traducidos da historia literaria galega. Por este motivo, a Cidade da Cultura acolleu onte un acto conmemorativo tanto da figura do propio Neira Vilas como de "Balbino", aquel mozo de aldea que narraba en primeira persona a realidade e as características do rural galego e os problemas aos que se enfrontaban os seus habitantes.
O acto foi inaugurado coa voz do cantautor Manoele de Felisa, que puxo música á historia do propio "Balbino", e coa intervención do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que incidiu na importancia da obra de Neira Vilas como elemento "transcendental" e como "fito" na configuración da cultura galega contemporánea.
Rodríguez puxo en valor o "legado" do autor, como creador dun personaxe "tan identificado con Galicia" e "co que Galicia se identifica", e que materializou unha obra que definiu como "o best seller da literatura galega. Fernando Redondo, presidente da Fundación Neira Vilas, incidiu en que a historia de "Balbino", o "Tom Sawyer" galego, "transcende tempo e lugar" e "segue vixente" na actualidade, mostrando aos mozos de hoxe a importancia de "observar", ademais de "rebelarse contra as inxustizas". Tamén, o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, incidiu en que a obra puxo aos galegos "de fronte a esa situación social".
Tras a súa publicación na editorial "Follas Novas" en 1961, "Memorias dun neno Labrego" contou con 35 edicións e máis de 700.000 exemplares, ademais de ser traducida a 17 idiomas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar