O legado de caricaturista Cao Luaces, na sede da Xunta en Vigo
vigo
A delegación da Xunta en Vigo acolle ata o 30 de agosto a exposición ‘José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina’, promovida pola Consellería de Cultura e Educación e polo Club de Prensa de Ferrol.
Cao Luaces, nado en Cervo en 1862, comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como "patriarca da caricatura arxentina". Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.
Este proxecto expositivo reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo. Na súa itinerancia polas catro provincias galegas, iniciada o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra chegou onte a Vigo para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina. De Vigo pasará por Santiago, Pontevedra, Ourense, Lugo, Melide, Coruña para finalizar na sala de exposicións de Sargadelos en Cervo, onde rematará a itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro. Completarase cun ciclo de conferencias a cargo do debuxante e xornalista Siro López co 10 de novembro na sala González Garcés da Coruña e o 29 de novembro en Cervo.n
Contenido patrocinado
También te puede interesar