Os Irmandiños inspiran un musical con selo galego
vigo
A compañía de Quique Peón subirá a escea a cen artistas entre bailaríns, músicos e coro, combinando tradición e contemporaneidade
"O poder do Arcabuz", concebido no xénero de musical, representarase o sábado 11 no Auditorio de Beiramar con 35 bailaríns, 20 músicos e 40 voces no coro. A trama, inspirada nos Irmandiños, fai regresar a Vigo ao exercito popular 550 anos despois da revolta. "Quería falar do poder e o título convírtese na mellor metáfora do valor dos cartos, porque foi con eles cos que pagaron a lexionarios portugueses e ás primeiras armas de fogo (os arcabuces) para vencer aos Irmandiños que levaban dous anos gobernando Galicia cun poder asambleario", apunta Peón, que reproduce ao exército de 80.000 galegos por cen artistas: "Nesta historia non podíamos ser minimalistas, quería que fose unha reivindicación da épica galega, a da revolución máis importante de finais do século XV e a primeira de Europa", recoñece.
Así, convocan probas para a creación dunha orquestra e un coro amáis contan coa colaboración do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina para un musical onde Peón é o autor, o director e o coreógrafo. "É un proxecto dun espectáculo moi ambicioso, apaixoante e arrisgadísimo, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas". Se ben, a danza e o baile tradicional galego son o elemento principal, as expresión escénicas máis contemporáneas tamén están presentes. "Tan importante é o espectáculo como a mensaxe que transmite, penso que abre a porta do folc ao xénero do musical, demostra que coa nosa música e a noso baile podemos contar calquera cousa". Así, Peón sinala que o difícil "é dieseccionar e montar un espectáculo de folclore para poder contar unha historia".
O proxecto conta co garimbo galego: A música corre a cargo de Pedro Lamas quen se inspirou na música culta do Medievo para fusionala coa tradicional. Susana Crespo está ao fronte da proposta teatral, Jordi Villaseca, da danza contemporánea; Santi Meñasco, da iluminación e Arancha Concheiro dirixe o coro.
Vigo, a batalla que marcou o final do feudalismo en Galicia
Quique Peón contou co asesoramento histórico do medievalista vigués Carlos Barros, profesor da Universidade de Santiago e especialista nos Irmandiños: "Hai quen fala de revolta e quen fala de revolución; polas palabras non nos imos pelexar; normalmente, a primeira utilízase para a Antigüedad e a Idade Media, e a segunda para a época moderna e contemporánea; pero o certo é que foi quen de rematar co poder feudal e foi a única revolución popular que tivo lugar en Galicia", indica o historiador.
Aínda que Os Irmandiños comezaron no norte, a participación da comarca de Vigo foi trascendental, xa que, tal e como indican os tratados, a batalla que perderon aquí contra Pedro Madruga e o arcebispo de Santiago supuxo o final do feudalismo en Galicia. "Acabou coa revolta popular que levaba gobernando dous anos e pasou o sistema moderno de goberno, seguía sendo xerarquizado e estamental, pero os nobres perderán o seu poder", sinala Barros.
Os veciños de Vigo participaron no exército irmandiño do Sur que asediou Tui perante un ano. Na vila derrubaron o castelo de Penço, situado onde agora se levanta o do Castro. Pertencía á Mitra de Santiago e amurrallaba o casco urbano. O cronista francés Froiffart recolle a importancia desta fortaleza, que impedíu varios intentos ingleses de tomar o territorio. "Dez anos despois da revolta irmandiña documentouse o uso das súas pedras para a construcción da Casa de Zeta (onde se ubica o Instituto Camoês) habitada polo señores de Figueroa", indica Carlos Barros, quen destaca os apoios importantes da revolta popular como o de Pedro Osorio, Diego de Lemos, Lupe Pérez ou Mariño Lobeira. "De toda aquilo quédannos os testemuños dos principais participantes que 60 anos despois contaron o que fixeran con orgullo".
Para Barros, a revolta Irmandiña é un dos fenómenos históricos máis coñecidos pola sociedade galega actual: "A historiografía galeguista de comezos do XX reivindicárona, bautizáronos como Irmandiños, xa que eles chamábanse entre si ‘irmáns’; nunha enquisa realizada en Galicia quedou amosado que é o fito histórico co que máis se identifican os galegos".
Para o medievalista "O Poder do Arcabuz" logrou recoller a esencia da revolta "o levantamento e a indignación popular ante o poder despótico; é unha obra de teatro onde hai un grande esforzo documental; merece a pena ir vela", asegura.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último