As Irmandades interactúan en Vigo

vigo

A Fundación Barrié acolle a exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!" co gallo do centenario do movemento galeguista

amara añón. vigo localad@atlantico.net

Publicado: 11 ago 2016 - 11:17 Actualizado: 12 ago 2016 - 10:04

Justo Beramendi, Xesús Alonso Montero, Goretti Sanmartín, Xosé Leal, e o músico Sergio Heredia.
Justo Beramendi, Xesús Alonso Montero, Goretti Sanmartín, Xosé Leal, e o músico Sergio Heredia.

O violín de Manolo Quiroga, que posteriormente entregou ao seu amigo e escritor galeguista Antón Losada Diéguez, foi o encargado de inaugurar a exposición "Saúde e Terra, irmá(n)s!" na Fundación Barrié de Policarpo Sanz. O músico Sergio Heredia fixo soar o instrumento que pasou polas mans das dúas figuras, un da música e outro das letras, no acto de presentación da mostra interactiva que conmemora os cen anos da creación das Irmandades da Fala.

A exposición, coordinada polo deseñador Pepe Barro, combina imaxe, son, documentos gráficos e obxectos que explican a orixe e o desenvolvemento das Irmandades. Un percorrido polas ferramentas políticas, literarias, teatrais, musicais e xornalísticas que os nacionalistas empregaron para dar pulo á cultura, á terra e ao galego na primeira metade do século XX.

Nos dez cubículos nos que se divide a exposición hai oco para as mulleres, acotío esquecidas nos relatos históricos. A perspectiva feminina e feminista foi fundamental na consolidación do movemento, un exemplo é o texto manuscrito sobre a igualdade e os dereitos da muller da primeira Asamblea Nacionalista en 1918.

Ademáis de documentos coma este de gran valor histórico e do violín de Manolo Quiroga doado a Losada Diéguez, "Saúde e Terra, irmá(n)s!" tamén achega ao público outras reliquias custodiadas polas principais fundacións culturais galegas. A máquina de escribir de Valentín Paz Andrade, as características lentes de Vicente Risco, a primeira cabeceira de A Nosa Terra ou a escultura "Galicia, nai e señora" de Uxío Souto son aglunhas das 131 pezas da mostra.

A exposición estreouse en xuño en A Coruña e xa pasou polo Museo do Pobo Galego en Santiago. A terceira parada é Vigo, onde permanecerá ata o 8 de setembro en horario de 12 a 14 horas pola mañá e desde as 18 ata 21 horas pola tarde. n

Contenido patrocinado

stats