Galicia lembra a figura de Ricardo Carvalho Calero

CULTURA

As redes sociais e internet cobran especial importancia neste 17 de maio

AxENCIAS

Publicado: 17 may 2020 - 03:51 Actualizado: 18 may 2020 - 02:45

Ricardo Carvalho Calero.
Ricardo Carvalho Calero.

A conmemoración das Letras Galegas mantense viva a través da acción dos cidadáns, institucións e de asociacións que, botando man de imaxinación e das posibilidades tecnolóxicas dispoñibles na actualidade, elaboraron unha serie de alternativas para celebrar a Ricardo Carvalho Calero a través das redes.

Numerosos eventos foron suspendidos ou aprazados con motivo da crise sanitaria provocada polo coronavirus, entre eles, o tradicional pleno da Real Academia Galega, que se celebrará o 31 de outubro, no teatro Jofre de Ferrol, ou o concerto que impulsa o Consello da Cultura Galega (que pasa ao día 30).

No entanto, a Academia decidiu aproveitar a fase de desescalada na que se atopa Galicia para renderlle tributo ao intelectual e polígrafo, cunha sinxela ofrenda floral ante a casa que tiña o escritor en Carreira do Conde, en Santiago, cumprindo coas medidas de seguridade decretadas polo Goberno.

O acto contará coa presenza de Víctor Freixanes e Margarita Ledo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e Antonio López, reitor da USC.

Ferrol, municipio natal de Carvalho Calero, tamén apostará por un pequeno acto simbólico na praza de Armas, despregando unha lona coa imaxe do polígrafo.

Hoxe, unha pequena representación da plataforma Queremos Galego realizará unha ofrenda floral ante a estatua de Ricardo Carvalho Calero en Compostela, onde lerán o manifesto dedicado ao homenaxeado e asinado pola escritora Pilar García Negro.

Entre as accións máis curiosas deste 17 de Maio atópase a do Concello de Sanxenxo, que recompilou máis de 160 expresións e refráns en lingua galega entre os seus veciños para elaborar un vídeo que distribuirá polas redes sociais.

A campaña "A nosa lingua é a nosa identidade", da Deputación de Pontevedra, impulsou unha colaboración especial coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), na que autores da provincia protagonizan 24 pezas audiovisuais nas que interpretan fragmentos de textos Carvalho Calero e que se difundiron ao longo da semana. Entre os participantes atópanse Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lourenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Marta Dacosta ou Elena Gallego, entre outros.

A Cidade da Cultura impulsou tamén unha lectura coral en liña de textos do profesor ferrolán, a través dunha recompilación vídeos realizados por cidadáns con textos seleccionados por Pilar Pallarés, Premio Nacional de Poesía e amiga persoal de Carvalho Calero.

Una das iniciativas máis completas para conmemorar a Carvalho Calero vén da man da colaboración entre AGAL e a Xunta. A web "Carvalho2020.gal" recolle a versión dixital da mostra `A voz presente`, que repasa a dimensión artística, humana e lingüística do intelectual ferrolán.

A exposición pódese visitar xunto a contidos de todo tipo que ofrecen unha completa panorámica sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho e que ademais esta dispoñible tanto adaptada á norma ILG-RAG como a de AGAL.

Martinho Montero Santalha asina a biografía do autor, que se completa con fichas de todas as súas obras e traballos, da man de Marcos Saavedra. Tamén ofrece seis unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas; un monográfico dedicado a `Scórpio` e outro desde unha lectura en clave feminista.

Todo iso completado co documental "De Carballo a Carvalho", que se emitirá esta semana na TVG e que se inclúe entre os recursos dispoñibles na web.

Contenido patrocinado

stats