Arturo Lezcano, xornalista e escritor: "Os portos da Coruña e Vigo deberían ter un tributo permanente á emigración en forma de centro cultural"
PRESENTA O LIBRO "O país invisible”
Arturo Lezcano (Ferrol, 1976) viaxou a Cuba, Arxentina, Uruguai, México, Brasil, Panamá, Venezuela e Estados Unidos para recoller historias reais da emigración. O xornalista e escritor quixo pór nome propio ás persoas que un día tiveron que deixar Galicia coa esperanza de volver, algo que logo non conseguiron. Esas vidas están agora recollidas no seu novo libro “O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega”, que presenta este martes na libraría Eixo de Ourense, ás 19,30 horas.
As frases
“A Galicia exterior e a territorial forman un mesmo país, no que non hai fronteiras”
“Negamos moitos anos a emigración, tiñamos o avó ou o tío nun armario”
“Os portos da Coruña e de Vigo deberían ter un tributo permanente en forma de centro cultural”
"Vigo é un deses lugares que ao recordalos hai a quen se lle enchen os ollos de bágoas"
“La Región Internacional é un símbolo da emigración que está en cada centro galego e que todo o mundo coñece”
Pregunta.Por que “O país invisible”?
Respuesta.Facía falta darlle voz no relato da diáspora aos que non a tiveron ata agora. Creo que estivo moi ben estudada pola Academia e polos historiadores, hai tamén grandes achegas de ficción, pero faltaba o relato xornalístico de reporteiro, de contar as historias reais, de primeira man, da xente que non falara nunca das súas experiencias. Por outro lado, o título ten un significado máis simbólico. Sempre se dixo aquilo da Galicia exterior e a territorial, eu creo que esas dúas Galicias forman un mesmo país, no que non hai fronteiras, que está entre América e Galicia e que garda todas estas historias que se contan no libro.
P.Que supón poder pór nome e apelidos a esas persoas que tiveron que marchar?
R.Para min é a mínima achega que pode facer calquera, sobre todo sendo xornalista, a todas esas persoas anónimas. Creo que non hai memoria dun pobo sen poñerlle nome ás cousas, é un acto de xustiza. Non hai que esquecer que a foto de Manuel Ferrol que aparece no libro, a famosa foto na que aparece un neno chorando xunto ao seu pai, foi tirada ás agochadas e non foi publicada en España, tardouse moitísimo en recoñecer a Manuel Ferrol. Ademais, nunca se afondou no arco vital dese neno, no se soubo a quen ía despedir e que foi del, ata tal punto que cando morreu o ano pasado os titulares eran “morreu o neno da foto”. Neste libro conto tamén a súa historia completa.
P. En Galicia sempre se falou de emigración, sen embargo, realmente coñecémolo todo sobre ela? Hai datos mal contados?
R.Eu creo que a emigración pasou por varias etapas que podemos reducir a dúas. Unha foi a de negación, durante moitas décadas. Tiñamos ao avó, o tío ou o que emigrase metido nun armario. Despois, dende os anos 90, especialmente dende as viaxes de Fraga a Cuba e de Fidel a Galicia, hai un cambio. Impleméntanse certas políticas que algúns chaman políticas de Estado, no eido da emigración, independentemente de que tivesen réditos políticos. Branqueouse dalgunha maneira a emigración e o que eu creo é que pasamos do negro ao branco. De repente empezamos a ver historias de triunfadores, de xente que se facía millonaria. Porén, o certo é que creo que faltaba un relato real dos que non tiñan nome e de moitos que non volveron, porque non fixeron cartos. Eses estarían abonados a estar dentro do armario. Por iso hai que sacalos, porque, se non, non temos relato.
P. Falou con case 200 persoas de distintos puntos de Galicia, que emigraron a distintos lugares. Repítense patróns?
R.A miña tese, dende o punto de vista de reporteiro e sen metodoloxía historiográfica, é que tanto dá de onde saíches, onde fuches e cando foi, sempre se repiten patróns. Empezamos por antes da partida coa supervivencia no minifundio, despois a viaxe, a chegada e logo o asociacionismo galego. O aforro tamén é moi importante, os negocios, a adaptación ou inserción nos países de destino… Podería facerse o libro así, pero a min gústame moito a xeografía e os mapas, e vincular as historias a un sitio concreto, e así o fixen.
P.Como foi o patrón ourensán?
R.A provincia de Ourense é o gran núcleo migratorio de Galicia, deberíamos cavilar máis sobre que uso e que beneficio lle damos a algo tan noso, inclúome porque toda a miña familia é ourensá. Se ti colles un mapa de Galicia de antes das provincias de 1833, o único lugar marcado no mapa igual que segue ata hoxe é a provincia de Ourense. Hai moitas casuísticas, os ourensáns axudaron a varios conceptos migratorios nítidos. Hai catro localidades destacadas: Carballiño, Boborás, Beariz e Avión. A xente deses lugares foi marchando no seu día cara Cuba ou México e foi colonizando e tirando do seguinte ata encher vecindades, que chaman en México, ou solares, que chaman en Cuba, con xente da mesma parroquia. Ese comportamento era súper ourensán, aínda que tamén houbo doutros sitios.
P.Cal foi o peso de Ourense na emigración galega?
R.O cuadrilátero migratorio ourensán paréceme a zona cero da emigración galega, aínda que non o sexa ao mellor cronoloxicamente, porque primeiro non saíramos os ourensáns oa non estar tan perto do mar, pero despois dende que se agarrou o camiño, non parou. En Chile, por exemplo, a maior parte da colonia galega é toda da Mezquita, concretamente da parroquia de Chaguazoso.
P.Que papel desenvolveu o porto de Vigo?
R.O papel era tan fundamental que pasou ao folclore galaico-americano e hai unha canción moi famosa que se chama “Puerto de Vigo”. Igual que La Habana ou Bos Aires, Vigo é un deses lugares que ao recordalos hai a quen se lle enchen os ollos de bágoas. Dende alí partiron e chegaron milleiros de persoas. Os portos da Coruña e de Vigo deberían ter un tributo permanente en forma de centro cultural que no libro ironicamente chamo “Esquecemento”, porque só pisando o esquecemento podes chegar á memoria. Se dous millóns de persoas pasaron por alí, non creo que haxa outro lugar en Galicia no que teña estado tanta xente, todos saíndo ou entrando.
P.Que importancia teñen medios como La Región Internacional ao outro lado do mundo?
R.Ten moitísima importancia, é un nexo de unión. La Región Internacional é un símbolo da emigración que está en cada centro galego e que todo o mundo a coñece. É unha referencia, o saber como están ao outro lado, saber da actualidade da outra Galicia.
P.Por que cre que non debemos esquecer a emigración?
R.Porque o que se esquece está condenado a desaparecer. Se negamos o que é noso, algún día non quedará nada. Hai unha lenda de que hai novas diásporas que son as que están sostendo o crecemento vexetativo de Galicia e que se an polos descendentes daqueles galegos que marcharon e agora voltan.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último